A ALCALDÍA DE MUGARDOS E REGANOSA ASINAN UN ACORDO PARA REHABILITAR O CINE ZÁRATE E CONVERTELO EN BIBLIOTECA

05/03 2019

A ALCALDÍA DE MUGARDOS E REGANOSA ASINAN UN ACORDO PARA REHABILITAR O CINE ZÁRATE E CONVERTELO EN BIBLIOTECA

  • O proxecto xa está sendo analizado pola Consellería de Cultura e Turismo

O edificio Cine Zárate será rehabilitado e convertido nun centro cultural que albergará a biblioteca municipal de Mugardos, segundo o acordo que hoxe asinaron a Alcaldía e Reganosa. Esta empresa comprométese a achegar ata 500.000 euros en tres anos para levar adiante o proxecto. “Con esta actuación habilitaremos no Cine Zárate a biblioteca pública municipal, que se converterá en peza angular da rexeneración do centro urbano xunto coa creación das zonas axardinadas”, manifestou a alcaldesa, Pilar Díaz.

O Cine Zárate é un antigo local de espectáculos actualmente de propiedade municipal e en deficiente estado de conservación. Por outra banda, o Concello mantén a súa biblioteca pública nun local alleo. Agora poderase afrontar o dobre obxectivo de rescatar do seu deterioro un edificio moi querido para os veciños e convertelo en centro sociocultural cunha biblioteca que se axuste aos estándares modernos deste tipo de servizos.

O acordo, que foi asinado hoxe pola alcaldesa, Pilar Díaz, e Laura López, directora de Responsabilidade Social Corporativa de Reganosa, prevé unha achega económica de ata 500.000 euros en tres anos por parte da empresa. Esta cantidade destinarase á rehabilitación do edificio segundo un proxecto que xa está sendo analizado pola Consellería de Cultura e Turismo. Ademais, a empresa aportará a súa experiencia para prestar soporte técnico nos procesos de contratación e execución da obra. Pola súa parte, a Alcaldía, xunto á súa correspondente achega de fondos, supervisará todo o proceso.

Esta iniciativa é froito do entendemento entre Administración e empresa, que colaboran na xeración de riqueza e de progreso para a comunidade. Reganosa está orientada ao servizo do interese público, tanto polo carácter estratéxico da súa actividade como pola presenza da Xunta de Galicia entre os seus accionistas.

Os asinantes do acordo tamén teñen experiencia na promoción conxunta de infraestruturas culturais, como o Centro de Interpretación de Caldoval, unha iniciativa do Concello de Mugardos, a Xunta de Galicia e Reganosa. Este museo reforzou o atractivo turístico da vila e converteuse nun instrumento demandado polo sistema educativo galego para o coñecemento da historia.

Nota de Prensa en Word

Nota de Prensa en PDF