A CORUÑESA MARÍA BLANCO GAÑA O CERTAME DE ARTE NOVA REGANOSA

10/25 2016

A CORUÑESA MARÍA BLANCO GAÑA O CERTAME DE ARTE NOVA REGANOSA

  • La playa foi a premiada entre dez obras finalistas.
     
  • O certame ten por obxectivo contribuír á difusión e promoción da arte creada en Galicia polos seus artistas emerxentes.

La playa, obra da artista coruñesa María Blanco, foi elixida gañadora do XVI Certame de Arte Nova Reganosa. O premio inclúe, ademais de pasar a formar parte da colección de arte de Reganosa, a edición dunha serie limitada de 150 exemplares numerados e asinados pola artista para a súa distribución por parte da compañía.

O xurado, que se reuniu na sede da Galería Arte METRO de Santiago de Compostela, estivo formado polo presidente de Reganosa, José María Paz Goday; o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas; o gañador da edición anterior, David Catá; a directora do Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa da Coruña, Carmen Fernández Rivera, e o crítico de arte e comisario de exposicións, Antón Castro.

A obra gañadora foi elixida entre unha selección de dez finalistas, todas elas producidas por creadores menores de 35 anos nacidos ou residentes en Galicia. A compañía busca con este certame, nacido no ano 2000, contribuír á difusión e promoción da arte creada en Galicia polos artistas máis novos. Entre as obras estaban representadas a pintura e a fotografía.

A premiada María Blanco é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e doutora en Creatividade Aplicada pola Universidade Complutense de Madrid. Toda a súa obra está dedicada a como é vivido o paso do tempo. Traballa co mundo dos obxectos, que funcionan como proxeccións das relacións humanas, e para este certame presentou a obra titulada La playa, nun formato de fotografía/papel algodón de 93x60 centímetros. 

En La Playa existe unha dualidade de tempo nos materiais utilizados: a natureza que morre e o plástico que permanece como un intento desesperado de superar a morte. A descontextualización dos elementos, a súa acumulación obsesiva, manipulación ou dominación fan que perdan a súa definición segundo a súa función, pasando a formar parte dun sistema de condutas. Todas as imaxes conforman un engano baixo a aparencia de postais intimistas. Ambientes persoais repletos de símbolos que, en realidade, representan un exhibicionismo emocional.

Colección de Arte Reganosa

Reganosa leva dezaseis anos seleccionando e editando arte galega e, grazas a este certame, a compañía gasista foi conformando unha colección na que figuran destacados artistas como Jorge Cabezas, Peteiro ou Antón Pulido, e novos valores que xa contan con proxección internacional como Sheila Pazos, Marc Quintana, Rosendo Cid ou David Catá.

A iniciativa forma parte da política de responsabilidade social corporativa da empresa, que inclúe outras accións de mecenado cultural, como el impulso do Centro de Interpretación de Caldoval (Mugardos), dedicado a mostrar como era a práctica do deporte na Gallaecia romana.

Galería de obras premiadas no Certame de Arte Reganosa

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF