A DEMANDA DE GAS NATURAL LICUADO PARA COMBUSTIBLE MARIÑO ALCANZARÁ OS 89 MILLÓNS DE TONELADAS EN 2025

02/01 2015

A DEMANDA DE GAS NATURAL LICUADO PARA COMBUSTIBLE MARIÑO ALCANZARÁ OS 89 MILLÓNS DE TONELADAS EN 2025

Reganosa presenta na “26ª Conferencia Mundial do Gas” o seu proxecto de hub de GNL para o noroeste da Península Ibérica.

Outras regasificadoras da fachada atlántica traballan na mesma liña, polo que situarse no mercado do fornezo de GNL para combustible marítimo é un obxectivo complexo.

O consumo de gas natural licuado como combustible mariño alcanzará no ano 2025 polo menos os 89 millóns de toneladas. Tan importante incremento é consecuencia das novas normas que limitan a emisión de gases de efecto invernadoiro tamén no mar por parte das diversas flotas. Reganosa estuda operar nese mercado, e así o puxo de manifesto hoxe na “26ª Conferencia Mundial do Gas”, que se celebra en París.

A “Conferencia Mundial do Gas” é unha reunión de carácter trianual que organiza a Unión Internacional do Gas. A asemblea congrega a máis de seiscentas empresas enerxéticas de cen países distintos. No foro, que está estudando as cuestións máis relevantes para o futuro do sector gasista, participa Reganosa en tanto que transportista español de gas -categoría TSO- e membro da ENTSOG (European Network of Transmission System Operators for Gas).

O director de Desenvolvemento da compañía, Rodrigo Díaz Ibarra, presentou hoxe o proxecto de hub de gas natural licuado (GNL) no noroeste da Península Ibérica. Esta é unha iniciativa que está desenvolvendo a compañía en alianza coa Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago, a Autoridade Portuaria de Ferrol e Navantia, co apoio da Comisión Europea.

Manexando datos dun informe elaborado polo Boston Consulting Group, Díaz Ibarra explicou que, en 2025, no caso máis desfavorable, o consumo anual de GNL marítimo suporá 89 millóns de toneladas, cando as importacións globais de GNL alcanzaron o pasado exercicio os 239 millóns de toneladas. Espérase, en consecuencia, un crecemento moi importante da demanda. Revelou tamén que o 21,3% dos pedidos de construción de buques que consuman GNL son portacontedores, e que en 2030 o 32 % da flota de barcos que transportan contedores consumirán gas natural licuado.

A puxanza do GNL neste tipo de flota é moi relevante para Ferrol, en cuxo porto exterior proximamente comezará a operar unha terminal de contedores. “Un buque portacontedores medio terá un depósito de combustible de 6.000 metros cúbicos, para cuxo fornezo precisaríase 150 camións cisterna. Abastecelo deste xeito non sería viable, de modo que a solución está nun barco de avituallamento”.

O director de Desenvolvemento de Reganosa explicou tamén que, debido á estratéxica localización da súa regasificadora, pode optar a fornecer combustible a parte dos 40.000 barcos que anualmente pasan polo corredor de Finisterre, así como a un segmento da flota pesqueira galega, que hoxe en día suma 5.786 unidades.

Precisamente o pasado luns Reganosa convocou, a través do Diario Oficial da Unión Europea, un concurso para deseñar un buque de avituallamento de GNL. O barco de fornezo podería transportar 8.000 metros cúbicos, estar dotado con tanques crioxénicos, tería que ser idóneo para a navegación no Atlántico Norte e moi manobrable, ademais de garantir unha elevada ratio de transferencia do combustible. O proxecto será entregado pola empresa que resulte adxudicataria este mesmo ano.

Rodrigo Díaz Ibarra tamén anunciou que a planificación de infraestruturas gasistas da Administración Europea inclúe, en previsión desta nova orientación da regasificadora do porto ferrolán, a adaptación da terminal a este mercado, de xeito que poida recibir barcos de pequena escala como o que Reganosa se dispón a deseñar.

A formulación de Reganosa foi acollida con interese na “26ª Conferencia Mundial do Gas”. No entanto, hai outras regasificadoras da fachada atlántica europea que traballan na mesma liña, polo que situarse no mercado do fornezo de GNL para combustible marítimo preséntase como un obxectivo complexo pola competencia que atopará a compañía galega.