A FEDERACIÓN GALEGA DE TRANSPORTE DE MERCADORÍAS E REGANOSA REÙNENSE EN MUGARDOS PARA ESTUDAR A INCORPORACIÓN DO GNL COMO COMBUSTIBLE DE CAMIÓNS

04/12 2016

A FEDERACIÓN GALEGA DE TRANSPORTE DE MERCADORÍAS E REGANOSA REÙNENSE EN MUGARDOS PARA ESTUDAR A INCORPORACIÓN DO GNL COMO COMBUSTIBLE DE CAMIÓNS

O gas natural licuado (GNL) está chamado a revolucionar o transporte pesado por estrada, xa que o custo operativo dun camión que consume ese produto é un 25 % máis baixo que o correspondente ao diésel. Esta constatación foi manexada na reunión que celebraron en Mugardos directivos da Federación Galega de Transporte de Mercadorías (Fegatramer) e de Reganosa. Unha e outra parte abriron unha liña de colaboración para impulsar a implantación do novo combustible no sector.

Reganosa, que está implicada en dous proxectos europeos para favorecer o uso de combustibles alternativos con maior eficiencia ambiental e máis dispoñibilidade, invitou á dirección da citada organización empresarial a un encontro no que valorar posibilidades de colaboración. A delegación dos transportistas estivo encabezada polo seu presidente, Ramón Alonso Fernández. Por parte de Reganosa participaron o director xeral da compañía, Emilio Bruquetas, e o director de Estratexia, Sergio Barral.

Aínda que a frota de camións que consumen gas natural licuado atópase en constante crecemento, agárdase que o volume sexa moito maior cando a rede de abastecemento se adapte ao establecido na Directiva Europea de Combustibles Alternativos, que establece que haberá surtidores polo menos cada 400 quilómetros e en todas as cidades que superen os 100.000 habitantes. En Galicia xa se están executando os traballos piloto para crear a rede de surtidores.

Tamén os motores dos camións movidos con GNL dispóñense a experimentar un gran salto, pasando dos 320 cabalos de potencia máxima aos 400, co que serán plenamente aptos para estradas de gran pendente.

Á luz de todas estas circunstancias, o director xeral de Reganosa ofreceu a Fegatramer  a súa colaboración para abordar conxuntamente os estudos que faciliten a implantación do gas natural licuado no transporte terrestre. Pola súa parte, Ramón Alonso apuntou á  necesidade que os transportistas galegos teñen de que se mellore a rede de subministración de GNL en Galicia, ao longo da AP-9 e no norte de Portugal.

Nota de prensa en word

Nota de prensa en PDF