FEIJOO, SOBRE O HUB DE GNL QUE REGANOSA PROXECTA EN GALICIA: “É UNHA OPORTUNIDADE QUE NON PODEMOS DESAPROVEITAR”

10/23 2017

FEIJOO, SOBRE O HUB DE GNL QUE REGANOSA PROXECTA EN GALICIA: “É UNHA OPORTUNIDADE QUE NON PODEMOS DESAPROVEITAR”

  • ​O presidente da Xunta aspira a que a iniciativa faga da comunidade autónoma “unha peza importante no taboleiro mundial da enerxía”
     
  • A primeira multinacional enerxética galega explica nun vídeo as vantaxes de convertir o porto de Ferrol no corazón dun gran centro europeo de subministro de gas natural licuado como combustible para a navegación

“Reforzar Galicia como un lugar adecuado para subministrar gas natural licuado aos buques é unha oportunidade que non podemos desaproveitar. Paga a pena que Galicia se convirta nunha peza importante no taboleiro mundial da enerxía do gas natural licuado. E, como paga a pena, ímolo conseguir. Estou convencido de que temos armas, ferramentas e bazas para converter Galicia nese centro loxístico, nese centro de distribución de gas natural licuado”. Con esa contundencia apoia o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o proxecto de Reganosa para formar en torno ao porto de Ferrol o gran hub de subministro de GNL do noroeste ibérico.

As palabras do xefe do Executivo galego aparecen recollidas nun vídeo corporativo que Reganosa lanzou esta misma mañá. Nel explica en que consiste o plan, que respaldan diversos socios e institucións, para converter a terminal de gas natural licuado de Mugardos nun nodo europeo de distribución de GNL como combustible marítimo. Cun amplo rango de clientes potenciais, a iniciativa comporta notables vantaxes tanto económicas como medioambientais. Dela beneficiaranse igualmente, entre outros, os sectores pesqueiro, con recortes de custos e emisións contaminantes, e da construción naval, con contratos para a modernización de frota.

De cinco minutos de duración e editada en tres idiomas (galego, castelán e inglés), a produción audiovisual expón como para a formación do citado hub é necesario acometer unha serie de obras de especialización na terminal de GNL do porto de Ferrol. Precisa adaptar para operacións menores o único jetty (brazo de carga e descarga) do que dis¬pón actualmente e dotarse dun segundo, para poder prestar servizo simultáneo a dúas embarcacións, así como facerse cun terceiro tanque de almacenamento, para garantir prezos competitivos. Reganosa tamén persegue a configuración dunha rede de plantas satélite que permita aos barcos repostar GNL no resto de dársenas galegas, así como a construción dun buque específico para levar o gas natural licuado a ditas plantas ou ben dar servizo directo a calquera gran nave na zona, tanto fondeada como atracada.

Como Feijoo, no vídeo interveñen o presidente de Reganosa, José María Paz Goday; o seu homólogo na Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Manuel Vilariño; e o director xeral da gasista con sede en Mugardos, Emilio Bruquetas. “Despois de dez anos, Reganosa tense convertido nunha verdadeira multinacional da enerxía de Galicia. Os nosos proxectos inclúen apoiar a transformación a gas como combustible de moitos sectores. E, para iso, estamos intentando formar un hub na esquina noroeste de España que sirva para toda Europa”, destaca Paz Goday.

“Todos os grandes portos europeos -manifesta Vilariño- contan xa  con estas infraestruturas. Ferrol vai dispoñer delas e o porto será un enclave gasista de referencia mundial. Imos da man de Reganosa neste proxecto ilusionante, importante para o sistema enerxético e para o sistema portuario”. Finalmente, Bruquetas refire: “Vin crecer Reganosa desde os seus inicios. Hoxe somos unha compañía innovadora e global. Gústannos os retos, especialmente aqueles que nos axudan a transformar a sociedade. Por iso volcamos todo o noso coñecemento na creación dun hub de GNL en Galicia. Estamos seguros de que será unha panca fundamental para garantir a sostenibilidade de sectores tan importantes para nós como a pesca ou o tecido portuario”.

O lanzamento deste vídeo prodúcese en vésperas do décimo aniversario, este novembro, da entrada en operación comercial da terminal de GNL de Mugardos. Reganosa naceu inicialmente para promovela y xestionala, xunto cunha rede de 130 kilómetros de gasodutos. Porén, na actualidade a empresa desenvolve unha crecente actividade no mercado global. De feito, ten presenza en catro continentes, tanto prestando servizos de asesoramento e enxeñaría como operando infraestruturas, entre as que destaca a regasificadora de Malta, cuxa xestión lle foi adxudicada o pasado ano. Actualmente, tamén compite cun consorcio internacional liderado pola italiana Snam para adquirir o 66 % do operador da rede pública grega de transporte de gas, DESFA.

Ver vídeo

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF