O GAS NATURAL LICUADO FORNECIDO POR CAMIÓNS CISTERNA DARÁ EFICIENCIA E COMPETITIVIDADE AOS PESQUEIROS GALEGOS

05/25 2016

O GAS NATURAL LICUADO FORNECIDO POR CAMIÓNS CISTERNA DARÁ EFICIENCIA E COMPETITIVIDADE AOS PESQUEIROS GALEGOS

  • Os barcos de pesca poderán recibir fornezo dun combustible limpo e a bo prezo por medio de cisternas en calquera porto galego
     
  • As industrias do noroeste ibérico xa se aproveitan desta vantaxe e ocupan unha posición de liderado europeo como usuarias deste tipo de abastecemento 
     
  • Reganosa presenta en Navalia a cadea de fornezo do GNL como combustible marítimo

A flota pesqueira galega pode gañar competitividade e eficiencia ambiental optando polo gas natural licuado (GNL) como combustible. Nesa renovación conta coa vantaxe de dispoñer dunha regasificadora no porto de Ferrol, desde onde partirán os camións cisterna que abastecerán aos pesqueiros. Esta oportunidade foi posta de manifesto polo director de Desenvolvemento de Reganosa, Rodrigo Díaz Ibarra, nun relatorio presentado en Navalia.

Díaz Ibarra interveu na xornada técnica sobre “O GNL como combustible marítimo”, celebrada no marco de Navalia, a Feira Internacional da Industria Naval de Vigo. Reganosa, ademais de compañía galega líder, é un dos dous xestores de infraestruturas gasistas recoñecidos por España e pola Unión Europea.

As infraestruturas de fornezo de gas natural licuado que conformen unha cadea loxística flexible e eficiente son fundamentais para o desenvolvemento do mercado, e é esencial facelo no momento actual, xa que “as decisións de investimento que se vaian a tomar en novos barcos propulsados a GNL dependerán de si os armadores dispoñen dunha garantía de fornezo a un prezo competitivo”, explicou o directivo da compañía galega.

En tal sentido relatou a experiencia da distribución de GNL a través de cisternas para a industria, onde Reganosa ocupa unha posición de liderado europeo, con máis de 7.000 cisternas cargadas nas súas instalacións do porto ferrolán en 2015. Eses envíos tiveron como destino 140 puntos do noroeste ibérico, onde as empresas poden optar agora a este combustible grazas á existencia dunha regasificadora galega, que fai aínda máis rendible o fornezo pola súa proximidade e dispoñibilidade.

Rodrigo Díaz Ibarra relacionou o impulso que supuxo a implantación do GNL para a industria galega coa vantaxe competitiva que para a flota pesqueira suporía apostar por este novo combustible. Dunha banda, os pescadores gañarían eficiencia económica grazas á redución dos custos de combustible, e doutra, eficiencia ambiental dentro de nosas rías, ao empregar os barcos un combustible que produce menos emisións contaminantes que os convencionais.

Ao contrario que os buques de gran porte, que precisan ser abastecidos de GNL a través doutro barco de aprovisionamento, os pesqueiros poderán ser fornecidos por medio de camión cisterna e en calquera porto de Galicia. Iso significa que ás vantaxes de eficiencia económica e ambiental súmase a dispoñibilidade deste novo combustible en calquera peirao.

Así mesmo, o directivo de Reganosa presentou as distintas iniciativas nas que participa a súa compañía para converter a Galicia en hub de GNL do Noroeste da Península Ibérica, desde o que atender ao maior número de consumidores finais. Nesa liña, Reganosa deu a coñecer o seu buque de fornezo de GNL, deseñado en colaboración coa Xunta de Galicia, para dar servizo a barcos de todos os tamaños e a terminais small scale noutros portos, como no de Vigo, cuxa Autoridade Portuaria realiza estudos respecto diso.

Reganosa tamén colabora con outras 41 entidades no proxecto Core LNGas Hive, que ten por obxectivo precisamente desenvolver a cadea loxística no sector marítimo. Iso inclúe a adaptación do atraque da planta ferrolá para abastecer a todo tipo de buques e unha serie de estudos para o desenvolvemento loxístico-comercial da prestación de servizos de fornezo de GNL como combustible para barcos.

O GNL, o combustible máis eficiente para buques

Organizada por Gasnam, Asociación Ibérica de Gas Natural para a Mobilidade, a xornada “O GNL como combustible marítimo” foi aberta polo seu secretario xeral, Manuel Lage, quen se referiu ao gas natural como o combustible profesional do futuro para todo tipo de transporte, en especial o marítimo.

A continuación, desenvolveuse unha mesa redonda sobre o deseño e enxeñería de buques propulsados mediante GNL, coa participación dos fabricantes de motores Wärtsila e ManDiesel&Turbo e a empresa de enxeñaría Cotenaval. Seguiulle un coloquio coa participación de representantes de Energylab, Bureau Veritas e Lloyd’s Register.

A xornada pechouse coa mesa redonda sobre o suministro de gas natural licuado como combustible, na que xunto a Reganosa participaron Gas Natural Fenosa e Endesa, como empresas comercializadoras.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF