O PORTO DE FERROL ACOLLE UNHA EXPOSICIÓN ITINERANTE SOBRE O GNL COMO COMBUSTIBLE PARA O TRANSPORTE

06/30 2017

O PORTO DE FERROL ACOLLE UNHA EXPOSICIÓN ITINERANTE SOBRE O GNL COMO COMBUSTIBLE PARA O TRANSPORTE

  • A Autoridade Portuaria e Reganosa participan no proxecto europeo Core LNGas Hive, e ambas son pioneiras en promover o uso de gas natural licuado como combustible mariño.
  •  

Ferrol acolle hoxe e o vindeiro luns unha exposición itinerante sobre os beneficios do gas natural licuado (GNL) como combustible para o transporte. Instalada nun semirremolque impulsado por unha cabeza tractora que consome GNL, esta mañá foi o marco dunha xornada do Máster en Loxística e Transporte da Universidade da Coruña.

A exposición forma parte do proxecto CORE LNGas Hive, que está cofinanciado pola Comisión Europea e liderado por Portos do Estado. Participan no proxecto 42 socios de España e Portugal, entre os que se atopan a Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao e Reganosa. A mostra, que inicia un percorrido por toda a península, está concibida para explicar o emprego que se pode facer do GNL e os seus beneficios como combustible para o transporte, especialmente para o marítimo. Permanecerá aberta ao público no peirao de Curuxeiras hoxe e o vindeiro luns, de modo que quen o desexe poderá visitala gratuitamente, en horario de 10 a 12 e de 16 a 20 horas.

A próxima semana, a exposición poderá verse na terminal de GNL de Mugardos e posteriormente viaxará a Santiago, por iniciativa da Xunta de Galicia e da Universidade compostelá.

Os primeiros visitantes da exposición durante a súa estancia en Ferrol foron os alumnos do Máster en Loxística e Transporte, que celebraron neste espazo una sesión guiada polo profesor Alfonso López Hernández. A continuación, asistiron a unha mesa redonda sobre o emprego do GNL no transporte, na que participaron tamén Laurent Moriceau, Project Manager de Reganosa, Javier Calviño, xefe do departamento de Explotación da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, e Luís Carral, codirector do máster. 

Laurent Moriceau presentou ante os alumnos a ampla gama de aplicación que ten na actualidade o GNL como combustible marítimo e terrestre, destacando as súas vantaxes ambientais. Tamén expuxo o importante papel que está chamado a xogar o noroeste peninsular, e particularmente o porto ferrolán, onde a APFSC e Reganosa son pioneiros en explorar as posibilidades do GNL como combustible.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF