O SERGAS E REGANOSA COLABORARÁN PARA APORTAR NOVOS MEDIOS ÁS AULAS DE SIMULACIÓN DE FERROL E FORMAR EN SAÚDE LABORAL AO PERSOAL DA COMPAÑÍA

06/07 2016

O SERGAS E REGANOSA COLABORARÁN PARA APORTAR NOVOS MEDIOS ÁS AULAS DE SIMULACIÓN DE FERROL E FORMAR EN SAÚDE LABORAL AO PERSOAL DA COMPAÑÍA

  • Profesionais da área sanitaria ferrolá levarán a “simulación in situ” a Reganosa para a formación no ámbito da asistencia urxente nos casos de politraumatismos ou accidente laboral
     
  • Este convenio implicará a incorporación ás aulas de simulación dun novo manequín de alta fidelidade, dun simulador virtual de cirurxía laparoscópica, e de melloras no sistema audiovisual das aulas
     
  • O acordo permitirá xerar valor para ámbalas dúas partes e mellorar en seguridade, que é estratéxica para a empresa

O Sergas e Reganosa colaborarán durante os vindeiros cinco anos para dotar de novo equipamento as Aulas de Simulación que a Xerencia Integrada de Ferrol posúe no Hospital Naval e mellorar a formación dos profesionais da compañía en seguridade e saúde laboral. Para tal fin ámbalas dúas partes asinaron hoxe un convenio a través da Fundación Novoa Santos.

A directora da Fundación Novoa Santos, Patricia Rey Pérez; e o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas Serantes, asinaban o convenio esta mañá no espazo formativo das Aulas de Simulación, no cuarto andar do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, acompañados polo responsable da Xerencia Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; a directora de Procesos de Soporte da Xerencia, Fernanda López Crecente; o responsable de Docencia e coordinador das Aulas de Simulación, Ramón López de los Reyes; e a directora de Administración de Reganosa, Lucía García. Os asistentes fixeron un percorrido polas aulas, viron un vídeo demostrativo das actividades que se desenvolven, e procederon á sinatura para este novo marco de colaboración.

Amáis de dotar de recursos ás Aulas de Simulación (un maniquín de alta fidelidade, un simulador de cirurxía laparoscópica e melloras no sistema audiovisual, entre outros), o convenio permitirá a Reganosa, compañía líder en seguridade industrial, desenvolver técnicas e aportar coñecementos aos seus empregados para a prevención de accidentes e a mellora de coidados ás persoas que traballan na regasificadora. Da formación do cadro de persoal da compañía se ocuparán profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Colaboración entre institucións

Os implicados no convenio destacaron esta mañá a importancia de establecer lazos de colaboración entre institucións que beneficien á comarca. A directora da Fundación Novoa Santos, Patricia Rey Pérez, destacou o valor de “involucrar ás entidades sociais e empresariais en I+D; e agradeceu a Reganosa a súa contribución á mellora da formación en prevención e saúde pública”.

Pola súa banda, Emilio Bruquetas Serantes, subliñou que a colaboración mellorará a formación dos empregados de Reganosa e afondará na incorporación de boas prácticas en seguridade laboral e prevención de riscos, que son parte insustituible dos procesos que se desenvolven na compañía. "A colaboración entre a Xerencia Integrada de Ferrol e Reganosa -dixo Emilio Bruquetas- permitirá xerar valor para ámbalas dúas partes e gañar seguridade. Para nós, que temos na seguridade un valor esencial, este convenio ten gran trascendencia, porque nos permitirá ser mellores nun eido que consideramos estratéxico".

O responsable da Xerencia Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, incidiu na necesidade de “promover actividades de formación e prevención que contribúan a minimizar riscos, e a mellorar a formación da poboación para se enfrontar inicialmente a posibles asistencias necesarias”, como por exemplo, nesta ocasión, accidentes producidos no ámbito laboral como traumatismos, cortes ou paradas cardiorrespiratorias.

Así, tal e como recolle o convenio, a Fundación Novoa Santos “ten como obxectivo impulsar a investigación, a docencia, e o desenvolvemento científico-tecnolóxico e a innovación no ámbito sanitario e de ciencias da saúde”; e o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol “conta con dispositivos asistenciais e de investigación e docencia acreditados”, con “recursos humanos de prestixio profesional e científico idóneos para o desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación”, e cunhas “aulas de simulación que desenvolven xa de xeito sistemático actividades relacionadas co soporte vital”. Pola outra banda, Reganosa -como especifica o convenio- “desexa emprender liñas de formación e promoción da saúde e prevención de riscos” que completen e reforcen unha liña de traballo na que é un referente. Por todas estas cuestións establécese este novo ámbito de colaboración.

Reganosa ten para a súa regasificadora do porto ferrolán un programa intensivo de entrenamento en seguridade, que atangue tanto ao persoal propio como ao dos distintos corpos e servizos de emerxencias. Tamén se someten a probas periódicas tódolos equipos precisos para eses supostos. A formación que a partir de agora recibirán, por parte de profesionais sanitarios, os técnicos que operan a regasificadora, suporá subir un novo chanzo nese eido, amáis de melloras na saúde laboral.   

Cómpre lembrar que a simulación é recrear de forma artificial procesos reais para conseguir o obxectivo da aprendizaxe. No ámbito sanitario, trabállase con manequíns, escenarios, aparellos, e con materiais que simulan distintas situacións ou partes do corpo sobre as que practicar. A simulación -tanto de espazos como de situacións- permite un primeiro coñecemento teórico da técnica que se vai realizar, e face-los primeiros adestramentos clínicos, antes da súa aplicación real ó paciente.

Por outra banda, a simulación in situ comezábase a desenvolver no pasado ano na área ferrolá, e implica trasladar a simulación fóra das aulas e levala ó lugar no que se realiza o traballo diario dos profesionais, para dar aínda un maior realismo ó ser realizada polos equipos multidisciplinares que abordan esas situacións reais no día a día. Fixéronse por exemplo, nalgún andar de hospitalización. No marco deste convenio, dáse un paso máis, e trasládase esa aprendizaxe a través da simulación in situ á comunidade, fóra do ámbito estritamente sanitario, colaborando para que os traballadores saiban como enfrontarse e actuar ante situacións críticas ou de emerxencia.

Xunto con isto, as aulas de simulación da área ferrolá incorporarán un novo manequín de alta fidelidade que reproduce as características fisiolóxicas humanas. É o máis completo existente na actualidade, e servirá para que realicen prácticas tanto os e as profesionais da área sanitaria como os traballadores de Reganosa. Ademais, xa nun ámbito máis especializado, incorporarase ás aulas de simulación tamén o que se coñece como simulador háptico de laparoscopia. Este novo dispositivo permitirá á persoa que se está a adestrar ver diferentes partes do corpo -como cun colon, un estómago, un útero ou un ril- e ter a sensación de estar a tocalo. Pódense simular moi diferentes tipos de intervencións cirúrxicas, e o proceso completo desa cirurxía, dende que chega o paciente ata que se lle dá o alta. Por último, no marco deste convenio, mellorarase tamén a instalación de audio e vídeo das aulas.

As aulas de simulación ferrolás, aproveitando recursos

Recordar que a Xerencia Integrada de Ferrol estreaba, en abril do 2013,  as súas aulas de simulación, no cuarto andar do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario ferrolá, e que están a disposición das e dos profesionais tanto para o uso individual como colectivo. Este espazo está configurado por unha Aula de Simulación Médica, unha de Simulación Cirúrxica, unha de Coidados Críticos, e unha de formación.  Eran as segundas de Galicia en activarse, e a primeira destas características, xa que foron ideadas polos propios profesionais e para a súa propia formación, empregando tanto material novo como material de distintos servizos, seccións e unidades da Xerencia que aínda que funcionaba estaba en desuso por ter sido substituído por outro máis novo.

As aulas de Simulación son un proxecto integrador baseado na reutilización dos propios recursos para a formación dos novos residentes e a formación continuada de todo o persoal sanitario; xa que o material emprégase tanto para a formación de novos profesionais, como para o achegamento a novas técnicas, ou para que calquera profesional poida mellorar a súa destreza de xeito individual. Traballar coa simulación supón que os profesionais cheguen ós pacientes coa máxima formación posible, e a maior destreza nas distintas técnicas. Este adestramento pódese realizar tantas veces sexa necesario; mellora a técnica de aprendizaxe, eliminado o estrés que supón realizala cun paciente; e, paralelamente, imprime tamén maior seguridade para ese paciente. En definitiva, acúrtase e mellórase a capacitación en determinadas técnicas médico-cirúrxicas; e facilita o adestramento para futuras situacións clínicas complexas.

As aulas aglutinan, catalogado e organizado, os distintos materiais que hai na Xerencia para a formación e a simulación da actividade sanitaria real. A sinatura deste Convenio implica un “salto cualitativo importante, incorporando ó último en simulación, en beneficio da poboación da área sanitaria ferrolá”, explica o coordinador das aulas, Ramón López de los Reyes. A Aula de Simulación Médica está cuberta de armarios con material e parataxe dispoñible, tanto novo como xa existente (manequíns simuladores, mesas para a realización de prácticas, parataxe diverso....). Pódese simular, entre outras moitas cousas, un parto, un tacto rectal, ou puncións en diferentes partes do corpo humano para se achegar ás venas.

Por outra banda, na Aula de Simulación Cirúrxica, é posible realizar simulación laparoscópica (técnica cirúrxica minimamente invasiva que evita a realización de grandes incisións cirúrxicas), para acceder, por exemplo, á vesícula ou ó colon. Emprégase material inerte de animal morto para se aproximar ó máximo á situación real. Son trinta metros cadrados, dotados cun conxelador e un frigorífico para o mantemento do material orgánico, armarios para a almacenaxe, tomas de auga, osíxeno e vacío, e un ordenador con acceso a internet.

Na aula de Coidados Críticos, última en activarse, reprodúcese un sala para atención dos pacientes nesta situación crítica cun boneco. Este boneco simula tódalas situacións clínicas que se poden dar cando se produce unha parada, e que respira segundo o faría a persoa afectada; e responde, por exemplo, vomitando se a técnica non se está a facer correctamente. Por último, a Aula de Formación, de ó redor de trinta prazas, conta con todo o material audiovisual necesario. A través de cámaras, pódese ver na pantalla da Aula de Formación todo o que se está a facer; e incluso os escenarios simulados nas aulas, como xa se fixo cos accidentes de tráfico, traumatismos (caídas de bicicleta e moto), amputación de membros, ou accidentes laborais. Temas moitos deles que se activarán novamente no marco deste convenio para os traballadores e traballadoras da comarca.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF