REGANOSA, CONTRATADA PARA ASISTENCIA NA POSTA EN OPERACIÓN DUNHA REGASIFICADORA EN FRANCIA

04/08 2016

REGANOSA, CONTRATADA PARA ASISTENCIA NA POSTA EN OPERACIÓN DUNHA REGASIFICADORA EN FRANCIA

  • É a primeira adxudicación internacional que consegue a nova filial Reganosa Servizos
     
  • Durante seis meses, técnicos galegos asesorarán na posta en operación dunha regasificadora capaz de abastecer ao 20 % do mercado de Francia e Bélxica
     
  • Os promotores da planta de Dunkerque son cualificados actores do sector enerxético global: EDF, Fluxys e Total

Reganosa participa como asistencia na posta en operación da regasificadora de Dunkerque, no noroeste de Francia, unha instalación promovida por unha alianza de destacados actores enerxéticos europeos, e cuxa execución na modalidade de “chave en man” realízaa unha UTE formada por Techint e SENER. Este é o primeiro contrato internacional que se adxudica a compañía galega desde a creación da súa filial Reganosa Servizos, concibida para ofrecer asesoría e coñecemento no mercado global.

Reganosa é unha sociedade con sede en Mugardos (A Coruña) que xestiona a regasificadora do porto de Ferrol e unha parte da rede básica de gasodutos españois (máis de 130 quilómetros). Ocúpase do transporte e a regasificación de gas natural, e ten a consideración de xestor da rede de transporte (TSO) por parte do Ministerio de Economía e Industria, co aval da Comisión Europea.

A regasificadora de Dunkerque, situada no porto desta cidade, conta con tres tanques de 190 000 metros cúbicos. A capacidade de emisión da planta é de 13 000 millóns de metros cúbicos de gas ao ano, que equivale a cerca do 20 % do consumo conxunto de Francia e Bélxica.

O investimento realizado no proxecto supera os 1 000 millóns de euros. Esta mobilización de recursos, que a converte no segundo proxecto industrial máis importante de Francia, foi posible grazas á implicación de poderosos actores do sector enerxético: Electricité de France (EDF), que participa cun 65 %, o operador belga Fluxys (25 %) e o grupo Total (10%).

A transcendencia da planta para a seguridade do abastecemento enerxético de Europa é moi notable. Cando entre en operación ordinaria, mellorará substancialmente a competencia na subministración de gas, nun contexto de forte dependencia que os países europeos sofren con respecto a Rusia, que serve a través de gasodutos.

Reganosa desprazará a Dunkerque a un equipo de sete técnicos que durante seis meses se ocuparán de asesorar na xestión da planta ata que o persoal local adquira a experiencia precisa para operar a instalación. Os primeiros membros do grupo xa se atopan en destino, e o resto incorporarase de inmediato.

O coñecemento adquirido polo persoal de Reganosa, tras nove anos de xestión da súa regasificadora e a súa rede de gasodutos outórgalle unha posición de privilexio para operar no mercado internacional. Así queda recoñecido ao ser demandados os seus servizos para unha iniciativa que lideran grupos tan destacados como EDF, Fluxys e Total, e que a día de hoxe é o maior proxecto enerxético de Europa.

Reganosa Servizos espera proximamente a resolución de novos concursos internacionais para os que foi invitada a presentar ofertas. O crecemento da actividade que se agarda neste campo impulsará un incremento do seu cadro de persoal de alta cualificación.

 

Nota de prensa en word

Nota de prensa en PDF