REGANOSA EXPÓN AS VANTAXES DO GNL COMO COMBUSTIBLE A MEMBROS DA COMUNIDADE MARÍTIMO-PORTUARIA

07/03 2017

REGANOSA EXPÓN AS VANTAXES DO GNL COMO COMBUSTIBLE A MEMBROS DA COMUNIDADE MARÍTIMO-PORTUARIA

  • O relatorio desenvolveuse na unidade que acolle unha exposición sobre os beneficios do GNL e que está instalada no Porto de Ferrol.
  • A Autoridade Portuaria e Reganosa participan no proxecto europeo Core LNGas Hive, e ambas son pioneiras en promover o uso de gas natural licuado como combustible mariño.
  •  

Ferrol acolle desde o pasado venres unha exposición itinerante sobre os beneficios do gas natural licuado (GNL) como combustible para o transporte. Instalada nun semirremolque impulsado por unha cabeza tractora que consome GNL, esta mañá foi o marco dun relatorio sobre as vantaxes deste combustible dirixido a membros da comunidade marítimo-portuaria.

Baixo o título “O GNL como alternativa de combustible marítimo”, Laurent Moriceau expuxo os avances que se están dando no seu emprego e tamén as melloras que Reganosa prevé realizar no marco do proxecto CORE LNGas Hive para situarse como actor de referencia no negocio do fornezo de GNL para o transporte marítimo. Xunto á ampliación do seu atraque na planta de Mugardos para favorecer as operacións a pequena escala, dotarase dun segundo punto de atraque que garanta a dispoñibilidade 24 horas e dun terceiro tanque, para ampliar a súa capacidade.

Laurent Moriceau presentou ante directivos de empresas de servizos portuarios, estaleiros e administracións, como a Capitanía Marítima de Ferrol, a ampla gama de aplicación que ten na actualidade o GNL, especialmente na contorna portuaria. Moriceau enumerou diferentes iniciativas portuarias relacionadas co GNL que se están desenvolvendo en España e Europa e tamén entrou a falar sobre os buques, os diferentes tipos de motores existentes ou os tipos de repostaxe. Como combustible terrestre, falou da propulsión da maquinaria portuaria, algo que xa están desenvolvendo algúns portos como o de Barcelona. Sempre sen esquecer o importante papel que está chamado a xogar o noroeste peninsular, e particularmente no porto ferrolán, onde a APFSC e Reganosa son pioneiros en explorar as posibilidades do GNL como combustible.

O proxecto CORE LNGas Hive, cofinanciado pola Comisión Europea e liderado por Portos do Estado, ten por obxectivo a creación dunha cadea loxística integrada, segura e eficiente para o fornezo de GNL na península ibérica. Entre os 42 socios de España e Portugal que participan no proxecto atópanse a Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao e Reganosa.

A mostra realiza un percorrido pola península para explicar o emprego que se pode facer do GNL e os seus beneficios como combustible para o transporte. Mañá deixará o Peirao de Curuxeiras e dirixirase á terminal de GNL de Mugardos, onde poderá ser visitada o mércores. Posteriormente viaxará a Santiago, por iniciativa da Xunta de Galicia e da Universidade compostelá.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF