REGANOSA PREMIA NOVOS VALORES GALEGOS NA SÚA XV EDICIÓN DE ARTE

09/22 2015

REGANOSA PREMIA NOVOS VALORES GALEGOS NA SÚA XV EDICIÓN DE ARTE

O artista lucense David Catá foi o premiado entre dez obras finalistas.

David Catá (Viveiro, 1988) coa súa obra “Horizontes” foi o gañador da XV edición de arte Reganosa, fallo que se emitiu esta mañá na sé da Galería Arte METRO de Santiago de Compostela. O premio consiste na adquisición da obra seleccionada na colección de arte de Reganosa e a edición dunha serie limitada de 150 exemplares numerados e asinados polo artista como agasallo corporativo de nadal.

O xurado estivo formado polo presidente de Reganosa, José María Paz Goday, o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas, o gañador da anterior edición, Rosendo Cid, o director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago Olmo, e a crítica de arte Mercedes Rozas.

O gañador foi elixido entre unha selección de dez artistas novos de raíz galega, que propuxeron obras de diferentes disciplinas -escultórica, pictórica e fotográfica- co mar coma eixe temático desta edición. O premiado, David Catá, é un dos novos valores galegos máis destacados. Malia a súa curta idade, desenvolveu un traballo que se move en diferentes disciplinas (pintura, escultura, fotografía e performances) con moita coherencia e solidez conceptual, situándose como un dos artistas máis innovadores do panorama artístico nacional. A súa curta traxectoria está colmada de premios nacionais e internacionais.

A edición de Arte Reganosa leva celebrándose desde hai quince anos, e dentro da súa colección figuran destacados artistas galegos como Jorge Cabezas, Peteiro, Antón Pulido ou Rosendo Cid. Esta iniciativa forma parte da política de Responsabilidade Social Corporativa da empresa, que inclúe accións de mecenado cultural como a celebración deste premio ou o impulso do museo de Caldoval (Mugardos), espazo único en Galicia para interpretar o deporte e a saúde na época romana.