REGANOSA RECIBIRÁ AOS PRINCIPAIS OPERADORES DE GNL DE EUROPA NA ASEMBLEA PLENARIA DE OUTONO DE GLE

07/04 2016

REGANOSA RECIBIRÁ AOS PRINCIPAIS OPERADORES DE GNL DE EUROPA NA ASEMBLEA PLENARIA DE OUTONO DE GLE

A sede de Reganosa foi o lugar elixido para a próxima reunión plenaria de GLE, Gas LNG Europe, entidade que representa aos operadores europeos de terminais de gas natural licuado (GNL). A asemblea terá lugar a primeira semana de outubro.

O Porto de Ferrol acollerá aos representantes das 16 terminais de GNL integradas na asociación, procedentes de nove países e que operan en torno ao 90% da capacidade de regasificación europea. A maioría destas instalacións atópanse no sur de Europa, sendo España o país con maior número de plantas, con 6 operativas.

A elección das instalacións de Reganosa para a celebración da reunión deriva do interese amosado polos demais membros en coñecelas, xa que se sitúa como unha terminal moi ben posicionada e historicamente moi activa nos novos servizos de GNL, especialmente no desenvolvemento de servizos pequena escala ou small-scale.

Para Reganosa esta será unha oportunidade para dar a coñecer a súa actividade e o seu potencial de desenvolvemento, vinculado ao impulso do GNL como combustible marítimo e á súa situación xeoestratéxica: atópase no Corredor de Fisterra, polo que transitan máis de 40.000 buques anuais, e conta coa proximidade dos estaleiros de Navantia, líder europeo en reparación de buques gaseiros. Ademais, as particularidades da orografía do noroeste peninsular e a súa dispersión xeográfica provocaron a expansión do gas natural a través de plantas satélite de GNL, o que impulsa o tráfico de cisternas (operacións small-scale) desde a planta, chegando a convertela en líder europea deste tipo de operacións en 2014.

Durante a reunión os socios debaterán sobre cuestións relacionadas coas estratexias a seguir para impulsar o gas natural licuado e o seu futuro como combustible, buscando chegar a posturas comúns que defender posteriormente ante institucións da UE. GLE promove o acceso ao GNL dentro dun mercado interior europeo en pleno funcionamento, respaldado por un marco regulador estable.

A asemblea, que contará tamén coa presenza de membros do Comité Executivo do GLE, se complementará con relatorios e reunións de traballo, así como coa oportunidade de manter reunións bilaterais entre algúns dos membros, ademais do coñecemento das instalacións de Reganosa e o Porto de Ferrol.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF