REGANOSA , SEGUNDA COMPAÑÍA ESPAÑOLA QUE INGRESA NA EUROPEAN NETWORK OF TRANSMISSION SYSTEM OPERATORS FOR GAS

07/01 2014

REGANOSA , SEGUNDA COMPAÑÍA ESPAÑOLA QUE INGRESA NA EUROPEAN NETWORK OF TRANSMISSION SYSTEM OPERATORS FOR GAS

  • - Na organización participan operadores de vinte e un países europeos.
  • - • A compañía galega aportará os seus coñecementos para o correcto desenvolvemento de infraestruturas no Noroeste da Península Ibérica e na eurorrexión atlántica.

Reganosa ingresou hoxe na European Network of Transmission System Operators for Gas (ENTSOG). A entrada neste organismo prodúcese trala certificación da compañía como xestor da rede de transporte de gas na súa categoría TSO, é dicir, a troncal. A candidatura de Reganosa fora presentada por unha representación da compañía nunha xunta xeral celebrada o 11 de xuño.

Constituída en 2009, ENTSOG agrupa a operadores TSO de vinte e un países; co ingreso de Reganosa, por España son dous os membros da organización. Os obxectivos da entidade poden sintetizarse en tres: promover o desenvolvemento pleno do mercado interior do gas na Unión Europea, asegurar a xestión eficiente da rede europea e facilitar a evolución técnica do sector. Por iso é polo que a asociación dotouse xa de códigos de rede, dun plan de desenvolvemento e de ferramentas operacionais.

Tanto polas responsabilidades que lle corresponden pola súa condición de TSO, como por vocación, Reganosa será parte activa de ENTSOG, apostando polo desenvolvemento da rede europea e, moi especialmente, polo da malla ibérica. A través desta organización, a compañía aportará o seu coñecemento e criterios para o correcto desenvolvemento de infraestruturas no Noroeste da Península e na eurorrexión atlántica, co fin de conseguir un mercado ibérico do gas, sen restricións e con óptima seguridade de fornezo.

Reganosa foi certificada o pasado marzo para operar como xestor da rede de transporte de gas, na súa categoría TSO, que ata entón en España só tiña Enagas. Esta decisión da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, con ditame favorable da Comisión Europea, habilita á compañía galega para operar sen limitación do marco xeográfico.

Co fin de garantir a liberdade no mercado, en aplicación dunha directiva europea, as empresas transportistas de gas clasifícanse en dous tipos segundo os activos que operan. Cando se trata da rede troncal, formada polos gasodutos básicos de interese nacional, as compañías teñen que obter a certificación como xestores. As que se ocupan das redes primarias ou secundarias, de ámbito rexional, non precisan dela. Os primeiros son os xestores TSO, mentres que aos segundos denomínasellesxestores de rede independente ISO.

Reganosa tamén ingresou en Gas Transmission Europe (GTE), un organismo que agrupa a operadores de redes de transporte dentro de Gas Infraestructure Europe (GIE), entidade que integra aos operadores europeos de infraestruturas de transporte, almacenaxe e regasificación, da que xa formaba parte a compañía. O obxectivo é a coordinación de posicións empresariais ante as institucións da UE.