CONCELLO, CLUB DO MAR DE MUGARDOS E REGANOSA SUMAN FORZAS PARA A ORGANIZACIÓN DA GRAN XORNADA DE TRAIÑEIRAS QUE SE CELEBRARÁ MAÑÁ

08/19 2022

CONCELLO, CLUB DO MAR DE MUGARDOS E REGANOSA SUMAN FORZAS PARA A ORGANIZACIÓN DA GRAN XORNADA DE TRAIÑEIRAS QUE SE CELEBRARÁ MAÑÁ

Nove traiñeiras disputarán mañá en augas de Mugardos a IV Bandeira Feminina Reganosa, que precederá á VI Bandeira Concello de Mugardos, pola que competirán doce tripulacións masculinas. O acontecemento deportivo conta co patrocinio de Reganosa, que se suma á Alcaldía e ao Club do Mar, organizadores das regatas.

 

A competición iniciarase coas probas femininas, para as que están inscritos o anfitrión, Mugados-Cabana-Ferrol, e os clubs Cabo da Cruz, Chapela, Tirán, Rianxo, Riveira, Castropol, Puebla e Perillo. As primeiras embarcacións sairán ás 17:30 horas. Ata agora, lidera a clasificación xeral Cabo da Cruz, cunha vantaxe de só un punto sobre Chapela, polo que a cita de Mugardos ten gran interese.

 

Na VI Bandeira Concello de Mugardos, que forma parte da Liga Galega de Traiñeiras, na categoría A, están inscritos outros doce equipos masculinos, entre os que figura o Club do Mar de Mugardos.

 

O responsable da terminal de Reganosa en Mugardos, Jesús Losada, declarou na presentación deste acontecemento deportivo, celebrada na casa consistorial, que “o mellor acordo é aquel que beneficia a tódalas partes que interveñen no mesmo, e ese é o caso da alianza do Concello de Mugardos, do Club do Mar e de Reganosa para promover o deporte do remo. Xa se trata dunha colaboración que se prolonga no tempo, madura e con resultados tanxibles e satisfactorios”.

 

Agregou Jeús Losada que “a Bandeira Reganosa comezou sendo unha proba masculina, pero a evolución da sociedade galega e a ampliación de actividades e canteira por parte do Club do Mar permitiunos decantarnos pola modalidade feminina, co que ao noso compromiso co deporte e coa cultura galega sumamos desde hai catro edicións un obxectivo que destaca nas obrigas da responsabilidade social corporativa de Reganosa, que consiste en traballar pola igualdade de homes e mulleres. Por iso esta IV Bandeira Feminina Reganosa é tan querida para nós. Desexamos moito éxitos ás remeiras y felicitamos ao Concello e ao Club do Mar pola magnífica organización das regatas que veremos este sábado”.