Talento
rega

De Galicia ao mundo: dez anos tecendo redes enerxéticas

A confianza gañada de 51 clientes, unha carteira de contratos de 186,3 millóns de euros e actividades en 30 países de 4 continentes. Ese é o balance, en resumo, do noso proceso de internacionalización. A expansión global comezou fai algo menos de dez anos, coa creación da filial Reganosa Servizos. Hoxe, grazas a ela, un terzo dos ingresos de compañía xa proceden de fóra de España.

En virtude dese proceso de crecemento sostido e constante adaptación, Reganosa practicamente triplicou o seu persoal no último lustro e cubriu todas as fases do ciclo de vida dun proxecto, desde os estudos preliminares ata a explotación comercial. Así mesmo, consolidouse como referente mundial no mantemento e operación integral de infraestruturas enerxéticas de terceiros.

Os encargos abarcan todo o portafolio de produtos da compañía, que inclúe, entre outros, servizos de consultoría e xestión de proxectos: estudos de viabilidade, supervisión de enxeñería, construción e posta en marcha, formación, simulación e optimización de redes e procesos, due diligence… Tamén comprende a xestión integral das infraestruturas dos seus clientes, tanto a nivel de operación e mantemento como comercial, cos máis altos estándares do sector en materia de seguridade.

A lista de países nos que desenvolvemos actividades está composta por Alemaña, Croacia, España, Francia, Grecia, Italia, Malta, Polonia e Portugal, en Europa; Angola, Ghana, Nixeria, Senegal, Serra Leona e Sudáfrica, en África; Bangladesh, Filipinas, Hong Kong, India, Kuwait, Malaisia, Paquistán, Timor Oriental e Vietnam, en Asia; e Brasil, Canadá, Chile, Colombia, México e República Dominicana, en América.