Dezanove equipos de reme participan este domingo na Quinta Bandeira Concello de Mugardos e na Terceira Bandeira Feminina Reganosa

07/16 2021

Dezanove equipos de reme participan este domingo na Quinta Bandeira Concello de Mugardos e na Terceira Bandeira Feminina Reganosa

As regatas empezarán ás once e media da mañá

Dezanove equipos participarán este domingo na V Bandeira Concello de Mugardos e a III Bandeira Feminina Reganosa, probas respectivamente pertencentes á Liga B e á Liga Feminina da Liga Galega de Traiñeiras. Os afeccionados, que se contarán por centos a tenor do ocorrido en anteriores ocasións e dado o bo tempo, poderán seguir as regatas dende o peirao mugardés.

A celebración de ambas bandeiras foi presentada este mediodía en comparecencia ante los medios de comunicación polo alcalde da localidade, Juan Domingo de Deus; o presidente do Club do Mar de Mugardos, Guillermo Pereira; e o director de Operacións de Reganosa, Roberto Felipe Rodríguez. A competición das remeiras comezará ás 11.30 horas, mentres que a dos remeiros empezará ás 12.30.

O alcalde destacou a aposta do Concello polo deporte base, especialmente no remo, unha disciplina moi arraigada en Mugardos como pobo de tradición mariñeira. Tamén fixo “un chamamento a apoiar ao noso Club do Mar especialmente o domingo, para que a tripulación feminina prosiga pelexando por alcanzar os mellores postos posibles a tripulación masculina manteña o liderado da liga”.

Pereira, pola súa parte, declarou: “Esperamos que esta nova edición da bandeira de traiñeiras, tanto feminina como masculina, sexa un grato espectáculo para o público asistente. Por outro lado, representa un desafío deportivo no que poderemos demostrar a constancia e a entrega das nosas remeiras e remeiros durante o longo inverno, convertido en verán de regatas. Tamén nos gustaría destacar o incondicional apoio de Reganosa e do Concello de Mugardos como principais patrocinadores. Sen eles a celebración deste evento deportivo non sería posible e esperamos que sintan o orgullo de formar parte desta gran familia que é o deporte do remo, e máis concretamente de formar parte deste o noso club, o Club do Mar de Mugardos”.

“Somos unha empresa profundamente comprometida tanto co noso entorno xeográfico como cos valores asociados ao deporte en xeral e particularmente ao remo, que é unha práctica de gran arraigo en Galicia. Seguimos comprometido tamén coa cultura e deporte local”, explicou o director de Operacións de Reganosa. “Tras o parón de 2020 obrigado pola pandemia –apostilou Roberto Felipe– para nós é un honor poder retomar a colaboración neste proxecto co Concello e co Club do Mar”.

Na bandeira masculina participarán once equipos da Liga B (A Cabana-Ferrol, Amegrove, Castropol, Cedeira, Chapela, Mugardos, Narón, Puebla, Samertolameu-Oversea, Vila de Cangas e Virxe da Guía), e na outra mediranse oito dos conxuntos da Liga Feminina: Cabo da Cruz, Chapela, Mugardos, Puebla, Rianxo, Ribeira, Salgado-Perillo e Tirán Pereira. Os anfitrións comparecen como líderes no primeiro caso e como sétimos clasificados no segundo.