ELECTROGAS MALTA E REGANOSA ALÍANSE NA PLANTA DE REGASIFICACIÓN DE MALTA

01/16 2017

ELECTROGAS MALTA E REGANOSA ALÍANSE NA PLANTA DE REGASIFICACIÓN DE MALTA

  • O consorcio ElectroGas Malta encarga a Reganosa a operación e o mantemento da súa regasificadora de Delimara

 

  • A planta é parte dun proxecto que sustentará a modernización do sector enerxético que promove o Goberno de Malta

 

  • Tras operar en 2016 en catro continentes, Reganosa impulsa a súa presenza no mercado global

 

Ferrol, 16 de xaneiro de 2017.- ElectroGas Malta (EGM) adxudicou a Reganosa Malta a operación e o mantemento da planta de regasificación de Delimara, instalación que forma parte dun proxecto que é o alicerce sobre o que se modernizará o sector enerxético de Malta. O contrato, cunha duración de dezaoito anos, constitúe un fito para ambas partes.

Con esta alianza, EGM avanza cara a entrada en operación comercial da nova instalación, ao contar cun TSO europeo para a operación e o mantemento da planta. Reganosa, pola súa banda, impulsa a súa actividade no mercado global desde a súa experiencia como promotor e operador de infraestruturas no sector gasista español e en liña coa súa estratexia.

O pasado ano, ElectroGas Malta, consorcio formado por Siemens, Socar e GEM, invitou a Reganosa a participar no proceso de selección do operador da planta de regasificación de Delimara, no sueste da illa de Malta. O proceso culminou coa firma do contrato de operación e mantemento entre o promotor e a filial maltesa de Reganosa, denominada Reganosa Malta, a finais do 2016.

Ata agora, a principal fonte enerxética de Malta son os hidrocarburos pesados, empregados na xeración eléctrica, e os lixeiros, usados tanto en xeración eléctrica como en automoción. Máis do 98 % da electricidade producida no país provén de combustibles derivados do petróleo, cos inconvenientes ambientais que iso comporta. Por iso é polo que o Goberno deseñou para o sector enerxético maltés un plan de mellora ambiental cunha enerxía máis competitiva que os hidrocarburos pesados, o gas natural. O proxecto inclúe a planta de regasificación de Delimara, un buque de almacenamento de gas natural licuado, o Armada LNG Mediterrana, de 125.000 metros cúbicos de capacidade, e unha central de ciclo combinado de 215 megavatios. A planta de regasificación tamén fornecerá gas natural a Enemalta, a compañía estatal de xeración e distribución eléctrica, coa finalidade de alimentar unha das súas plantas, dotada aproximadamente de 150 megavatios.

A nova terminal, que o 11 de xaneiro recibiu o seu primeiro cargamento de GNL, é unha das dúas únicas no mundo con tecnoloxía FSU (Floating Storage Unit), que consiste en almacenar o combustible nun buque atracado na terminal, en lugar de situar os tanques en terra. Avánzase así nun proxecto chave para a transformación enerxética de Malta e para a súa integración no sistema gasista europeo.

ELECTROGAS MALTA

EGM é unha sociedade de responsabilidade limitada con tres accionistas de igual participación; Siemens Project Ventures GmbH (33,33%), SOCAR Trading SA (33,33%) e GEM Holdings Limited (33,34%).

Siemens Project Ventures GmbH inviste en proxectos de infraestruturas prometedores en todo o mundo, centrándose en enerxía, industria e infraestruturas, entre outros. Os seus investimentos diríxense principalmente a proxectos nos que Siemens desempeña un papel tecnolóxico chave na construción, a operación ou o mantemento, como contratista xeral ou provedor de compoñentes básicos. Siemens é provedor da tecnoloxía de plantas de enerxía e contratista chave en man para a central de ciclo combinado de EGM.

SOCAR Trading é o brazo comercial de SOCAR (State Oil Company da República de Acerbaixán), que participa na exploración de campos de petróleo e gas, produción, procesamento e transporte de hidrocarburos, comercialización de petróleo e produtos petroquímicos nos mercados nacionais e internacionais, e fornezo de gas natural aos mercados mundiais e ao público en Acerbaixán. Socar tamén será o subministrador de GNL para EGM.

GEM Holdings Limited está constituída por tres empresas maltesas cunha recoñecida traxectoria por levar a cabo grandes proxectos. Trátase do Grupo Gasan Limited, Tumas Group of Companies Limited e Associated Drug Limited. Cunha longa historia de desenvolvemento exitoso de proxectos, GEM ten un papel importante para asegurar que o proxecto sexa sensible ás necesidades e expectativas locais.

REGANOSA

Reganosa é unha compañía dedicada ao desenvolvemento e operación de infraestruturas de gas natural que está designada como xestor de rede de transporte (TSO). A compañía constituíu en 2015 Reganosa Servizos, para aportar o seu coñecemento e experiencia en estudos, deseño de proxectos, asesoría, enxeñería e xestión de infraestruturas gasísticas. Con esta nova empresa, en 2016 xa interveu en proxectos desenvolvidos nos catro continentes, participando en todas as fases dos mesmos, desde o seu estudo de viabilidade ata a súa xestión en fase de operación comercial e en todo tipo de infraestruturas gasistas.

Nota de Prensa en Word

Nota de Prensa en PDF