Concello, Club do Mar e Reganosa suman forzas para a gran xornada de traiñeiras que se disputará o sábado, coa participación de 19 tripulacións
Mugardos converterase na capital galega do remo esta fin de semana. Un total de 19 equipos tomarán parte o sábado pola tarde na sexta edición da Bandeira Feminina Reganosa e na oitava da Bandeira Concello de Mugardos, probas, respectivamente, da Liga Femenina e da Liga A da Liga Galega de Traiñeiras. Ambas as organizadas polo Club do Mar, a primeira patrocínaa Reganosa e a segunda, o Concello.
Os afeccionados poderán seguir as competicións desde o porto mugardés. A proba femenina arrincará ás 17.30 horas, mentres que a masculina espérase que teña lugar desde as 18.00.
A Bandeira Concello de Mugardos enfrontará ás tripulacións de Ares, Chapela-Wofco, Tirán-Pereira, Castropol, Rianxo, Samertolameu-Oversea, Mecos, Urme, Narón, Cabo da Cruz, Mugardos-A Cabana-Ferrol e Cesantes-Rodavigo. Namentres, pola Bandeira Feminina Reganosa mediranse as anfitrioas, Chapela-Wofco, Rianxo, Cesantes-Cefycal, Salgado-Perillo, Cabo da Cruz e Castropol.
A presentación desta dobre cita deportiva reuniu hoxe en Mugardos ao alcalde da localidade, Juan Domingo de Deus; ao tesoureiro e a unha representante das remeiras do Club do Mar, Guillermo Pereira e Andrea Piñeiro; e á responsable da terminal de gas natural licuado de Galicia, Nuria Rivas.
O rexedor destacou: “Mugardos volve ser o foco do remo un ano máis a través das bandeiras Reganosa e Concello de Mugardos na súa xa oitava edición. Isto é un exemplo de colaboración e compromiso coas nosas tradicións a través do amor ao mar e ao deporte”.
Pola súa banda, Piñeiro agradeceu o apoio do Concello e de Reganosa ao longo dos anos. “Esta tempada -explicou Pereira- estamos a competir con moita xente nova en ambas categorías, tivemos moitos cambios. Pero logramos manter a traiñeira na auga e creo que cumpriremos obxectivos”.
“Entre todos conseguimos consolidar esta cita no calendario galego de grandes competicións de traiñeiras, é un clásico xa”, valorou Rivas, quen tamén subliñou o compromiso de Reganosa co deporte, o fomento da igualdade e o desenvolvemento da contorna.