REGANOSA APOSTA POLO GAS NATURAL COMO COMBUSTIBLE PARA CONSEGUIR UNHA MOBILIDADE BAIXA EN EMISIÓNS

03/06 2017

REGANOSA APOSTA POLO GAS NATURAL COMO COMBUSTIBLE PARA CONSEGUIR UNHA MOBILIDADE BAIXA EN EMISIÓNS

  • Rodrigo Díaz, director de Desenvolvemento, participou como relator nunha xornada do INEGA con motivo do Día Mundial da Eficiencia Enerxética.
  • O GNL é a mellor solución desde o punto de vista técnico, ambiental e económico para o transporte marítimo e terrestre pesado.
  • O conselleiro de Economía abriu a xornada recordando a aposta do goberno galego por converter a Galicia en hub de GNL.

O gas natural licuado (GNL) é o substituto máis eficiente, económica e ambientalmente, dos combustibles ata agora habituais na navegación. Así o sinalou esta mañá o director de Desenvolvemento de Reganosa, Rodrigo Díaz, durante a súa intervención dentro da xornada “Transición cara a unha mobilidade baixa en emisións”, que se celebrou na sede da Xunta en Vigo.

Como exemplo do impacto da navegación na calidade do aire, Rodrígo Díaz apuntou que o 90% do comercio marítimo transpórtase por mar, segundo a Organización Marítima Internacional, e 1 ferry consome o equivalente a 25.200 coches. Nese sentido tamén expuxo a normativa que a Unión Europea desenvolveu para a redución do impacto ambiental e da dependencia do petróleo impulsando outros combustibles marítimos, como o gas natural licuado, coa creación das zonas con control de emisións ou zonas ECA.

A navegación sostible require dotarse das infraestruturas necesarias. Por iso é polo que naceron programas como o CORE LNGas Hive para o desenvolvemento dunha cadea loxística integrada, segura e eficiente na península ibérica, no que Reganosa participa, con corenta socios máis entre os que se atopan o Porto de Vigo e o Inega. Dentro deste programa, o director de Desenvolvemento de Reganosa expuxo os proxectos existentes para mellorar a terminal de Mugardos dotándoa dun novo tanque de almacenamento e un novo jetty, ademais da adaptación do existente ao tráfico de pequena escala, para atender a futura demanda derivada da navegación sostible.

Rodrigo Díaz pechou a súa intervención falando do proxecto do Hub de GNL do Noroeste, no que participaron a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago, a Autoridade Portuaria de Ferrol, Navantia e Reganosa, que incluíu o deseño dun barco de fornezo de GNL a pequena escala, o primeiro concibido en España. Un proxecto nado da vontade de aproveitar as favorables condicións que ten Galicia, pola súa posición xeoestratéxica, a súa industria naval, a súa importante flota pesqueira e as súas infraestruturas portuarias e gasísticas.

Transición a unha mobilidade baixa en emisións

Organizada polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) con motivo da celebración do Día Mundial da Eficiencia Enerxética, a xornada foi inaugurada polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria. Francisco Conde destacou as vantaxes do gas natural como mellor solución desde o punto de vista técnico, ambiental e económico para o transporte marítimo e terrestre pesado e para mellorar a capacidade tecnolóxica da industria. Conde recordou a aposta do goberno galego por converter a Galicia en hub de GNL, aproveitando a vantaxe competitiva que supón contar coa planta regasificadora de Reganosa en Mugardos.

O INEGA decidiu dedicar esta xornada á mobilidade baixa en emisións porque o sector do transporte é o responsable do 35% do consumo enerxético de Galicia e, xa que logo, un sector chave para reducir as emisións contaminantes e mellorar a calidade do aire das cidades. Durante a xornada prestouse especial atención ao gas natural como solución óptima para o transporte marítimo e terrestre pesado, que é o que maior contaminación produce.

Na xornada tamén interviñeron Sergio Tarrío Sieira, responsable do departamento de I+D+i de Castrosua e Ricardo de Lombas, responsable de vehículos eléctricos do Grupo PSA en España. Anxo Bernardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas e director do INEGA, foi o encargado de pechar a xornada.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF