02/22 2021
A compañía galega convértese así en líder mundial en xestión de plantas de gas propiedade de terceiros
A empresa estréase a nivel internacional no segmento do small scale da man de Avenir LNG, Gas & Hit e CPL Concordia
Reganosa operará e manterá o primeiro terminal de gas natural licuado de Sardeña (Italia), cuxa construción no porto de Oristano, ao oeste da illa, atópase na súa fase final. Desta maneira, a compañía galega converterase na única do mundo que xestiona ata tres plantas de GNL propiedade de terceiros, ademais da que posúe en Mugardos (A Coruña).
Higas S. r. l. adxudicou a Reganosa o contrato de operación e mantemento integral do novo terminal de importación, almacenamento e distribución de Oristano. Espérase que as instalacións entren en funcionamento durante o primeiro semestre de 2021.
A planta de Higas consta dun peirao capaz de recibir barcos de ata 20.000 metros cúbicos, un brazo de descarga, seis tanques crioxénicos horizontais de almacenamento (de 1.500 metros cúbicos cada un), dúas baías de carga de cisternas e un sistema integrado de xeración eléctrica con gas natural. O complexo conta con capacidade para abastecer ata 8.000 camións de GNL cada ano (unhas 180.000 toneladas), para a súa posterior distribución a estacións satélite máis pequenas en toda a illa.
Sardeña carece actualmente dun sistema de acceso ao gas natural e só un pequeno número de clientes industriais recibe cisternas de GNL que chegan á illa vía ferry. O terminal dotará ao territorio dunha subministración de gas limpo, accesible e fiable.
Higas proporciona acceso local a un combustible significativamente máis limpo para cociñar, quentar e xerar enerxía: o GNL emite ata un 30 % menos de dióxido de carbono e un 99 % menos de óxidos de xofre e de nitróxeno en comparación con combustibles tradicionais como o fuelóleo pesado, o diésel ou o carbón. A compañía apoia directamente a descarbonización da economía italiana.
Este proxecto apontoa o proceso de expansión internacional de Reganosa, iniciado en 2015 coa constitución de Reganosa Servizos para achegar o coñecemento e experiencia do grupo en estudos, deseños de proxectos, consultoría, enxeñería e xestión de activos.
Ao longo do último cuadrienio, o grupo prestou servizos de diverso tipo en 15 países de catro continentes: Brasil, Canadá, Chile, Colombia, Alemaña, España, Francia, Malta, Ghana, Mozambique, India, Xapón, Kuwait, Paquistán e Italia. Coa súa intervención neses territorios, cubriu todas as fases de desenvolvemento dun proxecto, desde o estudo de viabilidade ata a operación comercial.
Á vez que prosegue crecendo en España e diversificando o seu negocio, apostando por unha economía verde e dixital, Reganosa reforzou nos últimos meses o seu proceso de internacionalización. En breve iniciará tamén a operación e mantemento dunha planta única na África subsahariana.
En virtude dese proceso de crecemento sostido e constante adaptación, Reganosa practicamente triplicou o seu persoal no último lustro. A compañía, así mesmo, consolidouse como referente mundial no O&M de infraestruturas enerxéticas de terceiros.
O grupo xestiona xa ou ben vai xestionar de maneira inminente tres tipos de terminais de GNL: totalmente flotante, a de Tema (Ghana); completamente en terra, as de Mugardos e Oristano; e mixta, a de Delimara (Malta). Son instalacións, ademais, cun amplo rango de almacenamento: desde os 9.000 ata os 300.000 metros cúbicos.
Coa de Sardeña, Reganosa tamén se estrea a nivel internacional no segmento das solucións de pequena escala. Faio da man de Higas, cuxo accionariado pertence a dous socios italianos (Gas & Hit e CPL Concordia) e a Avenir LNG.