REGANOSA, NATURGY E REPSOL PROXECTAN UN HUB DE HIDRÓXENO RENOVABLE DE ATA 200 MW EN MEIRAMA

12/09 2022

REGANOSA, NATURGY E REPSOL PROXECTAN UN HUB DE HIDRÓXENO RENOVABLE DE ATA 200 MW EN MEIRAMA

Na fase inicial, cuxa posta en marcha está prevista en 2025, alcanzaranse os 30 MW, mentres que no seu desenvolvemento completo a planta terá unha potencia de 200 MW e unha produción total de 30.000 toneladas anuais de H2 verde

A instalación abastecerá á refinería que Repsol ten na Coruña e a outros consumidores

O proxecto está situado no municipio de Cerceda, zona de transición xusta afectada polo peche dunha central térmica, e suporá unha oportunidade para o desenvolvemento económico sostible de Galicia

Trátase dun proxecto innovador en toda a súa cadea de valor, desde a produción ata o uso final, e demostra a viabilidade do despregamento do hidróxeno renovable a gran escala

 

Reganosa, Naturgy e Repsol alíanse para desenvolver un hub de produción de hidróxeno renovable en Galicia. O proxecto contempla a instalación dunha planta de electrólise alimentada con enerxía 100 % renovable nos terreos da antiga central térmica de Meirama, no municipio de Cerceda (A Coruña). Co impulso deste vector enerxético, as tres compañías reforzan o seu compromiso cunha transición enerxética xusta.

 

A planta de hidróxeno renovable terá unha potencia inicial de 30 MW, escalable en distintas fases ata un potencial total de 200 MW. Producirá máis de 4.000 toneladas de hidróxeno renovable ao ano nunha primeira fase e alcanzará unha produción total de 30.000 toneladas anuais.

 

O hidróxeno renovable xerado destinarase a uso industrial para substituír o hidróxeno convencional que actualmente utiliza a refinería de Repsol na Coruña. Tamén se utilizará noutras industrias, na inxección na rede gasista para ser mesturado con gas natural e en mobilidade. Todos estes usos permitirán reducir a pegada de carbono da zona e demostrar a viabilidade da produción masiva de hidróxeno renovable e da súa distribución ao consumidor final.

 

A directora de Novos Negocios en Naturgy, Silvia Sanjoaquín, sinalou que “este proxecto permitirá acelerar a introdución do hidróxeno en sectores como o enerxético, o industrial ou o do transporte, ademais de redundar nun gran impacto sobre a economía local, nun emprazamento de transición xusta como o de Meirama”. Sanjoaquín tamén indicou que “en Naturgy queremos ser protagonistas da transición enerxética e o hidróxeno é un dos vectores esenciais para lograr unha economía descarbonizada, por iso queremos cubrir a cadea de valor completa, desde a súa produción ata o uso final”.

 

O hidróxeno renovable é un dos piares de Repsol na súa estratexia para alcanzar as cero emisións netas en 2050. Para Tomás Malango, director de Hidróxeno da compañía “este proxecto forma parte da estratexia de hidróxeno renovable de Repsol en Galicia e supón un fito na transformación da refinería da Coruña nun polo multienerxético que proporcione produtos descarbonizados á sociedade”.

 

Pola súa banda, o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas, subliñou que “hai 15 anos dotamos a Galicia dunha infraestrutura chave para a chegada do gas, e a competitividade da nosa industria mellorou substancialmente. Agora, baixo o liderado da Xunta de Galicia e rodeados dos mellores socios, estamos a participar na configuración dun novo ecosistema enerxético. A Galicia que vén, que xa está en cernes, será verde, dixital e inclusiva, e é un orgullo para nós poder favorecer esa transformación que todos ansiamos”.

 

Innovación e creación de valor

A innovación do proxecto aparece en todas as etapas da cadea de valor: na propia planta de produción, nos seus usos na industria, na inxección na rede gasista, na comercialización mediante Garantías de Orixe (GdOs) e no seu uso para a mobilidade sostible. Trátase dun proxecto que contempla múltiples demandas.

 

A publicación do Real Decreto 376/2022 polo que se establece a creación dun sistema de GdOs do hidróxeno renovable, a súa definición e as condicións de expedición, favorecerá sen dúbida o despregamento do hidróxeno para que poida chegar a todos os consumidores industriais con importantes necesidades de descarbonización, naqueles sectores nos que é difícil a electrificación e cuxa localización non coincide exactamente co lugar onde se produce o hidróxeno renovable.

 

Neste contexto de descarbonización e transición enerxética, o hidróxeno renovable é un piar chave na transformación industrial da refinería coruñesa de Repsol para fabricar produtos de baixa, nula e mesmo negativa pegada de carbono, como combustibles renovables e distintos compoñentes para o sector sanitario, téxtil ou de envasado de alimentos, entre outros.

 

Deste xeito, o proxecto demostrará a viabilidade do uso do hidróxeno renovable para descarbonizar a industria, así como a reutilización de instalacións xa existentes nunha zona afectada polo peche dunha central térmica, onde agora promoverase a creación de emprego estable e a formación de profesionais de alta cualificación.

 

O proxecto non soamente conlevará unha alta creación de emprego, senón que traerá consigo beneficios no ámbito social, contribuíndo así ao cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible de Nacións Unidas.

 

Aposta polo hidróxeno renovable para unha economía descarbonizada

O enfoque do proxecto valida e fomenta un modelo que está aliñado coa Folla de Roteiro do Hidróxeno aprobada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, o Pacto Verde Europeo (Green Deal), o RePowerEU e o Plan Nacional de Enerxía e Clima (PNIEC), que promoven o desenvolve- mento dos gases renovables. A iniciativa encaixa tamén coa Lei de Simplificación Administrativa e de Apoio á Reactivación Económica de Galicia, a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, e a Axenda Enerxética de Galicia 2030.

 

Este hub de hidróxeno forma parte das iniciativas enerxéticas estratéxicas impulsadas pola Xunta de Galicia no marco do programa EU Next Generation e do Plan de Recuperación e Resiliencia nacional. O seu obxectivo é fomentar o crecemento económico, a xeración de emprego e o desenvolvemento dun tecido empresarial competitivo, sostible e circular.

 

Ademais, este proxecto conxunto de Naturgy, Repsol e Reganosa pode posicionar a Galicia como un referente a nivel mundial na produción, distribución e consumo de hidróxeno renovable, favorecendo así o crecemento económico da rexión. A singularidade do proxecto e a súa gran escala confírenlle un elevado potencial á hora de replicalo noutras localizacións, tanto nacionais como internacionais. As tres compañías son axentes esenciais no desenvolvemento deste tipo de iniciativas industriais pola achega da súa capacidade e coñecemento global en toda a cadea de valor da planta.