REGANOSA OPERARÁ E MANTERÁ EN GHANA UN TERMINAL ENERXÉTICO ÚNICO NA ÁFRICA SUBSAHARIANA

01/07 2021

REGANOSA OPERARÁ E MANTERÁ EN GHANA UN TERMINAL ENERXÉTICO ÚNICO NA ÁFRICA SUBSAHARIANA

Reganosa operará e manterá o terminal de gas natural licuado de Tema (Ghana), actualmente en construción. Trátase dunha planta innovadora no sector e única na África subsahariana, pois tanto a súa unidade de almacenamento ( FRU) como a de regasificación ( FSU) son flotantes.

 

Tema LNG Terminal Company (TLTC) adxudicou a Reganosa a operación e mantemento do seu terminal de recepción de GNL, do gasoduto asociado (6 quilómetros) e da estación de regulación e medida de enganche á rede, nun polo enerxético e industrial próximo ao porto.

 

Este contrato consolida a Reganosa como referente no mantemento e operación de infraestruturas enerxéticas, e reforza o seu proceso de expansión internacional. Desde a consultoría ata a explotación comercial, ao longo do último trienio prestou servizos de diverso tipo en 14 países de catro continentes. Desde 2016 duplicou o seu persoal.

 

A unidade de regasificación chegou a Ghana hoxe, o que permitirá a TLTC comezar a entregar GNL aos clientes a través do seu terminal no primeiro trimestre de 2021. Apoiada por Helios Investment Partners e Africa Infrastructure Investment Managers (AIIM), a de Tema é a primeira instalación de recepción de GNL en alta mar da África subsahariana. Empregará unha combinación innovadora da FRU irmandada cun gaseiro reacondicionado, para así recibir, alma- cenar e regasificar gas natural licuado.

 

Este sistema proporciona a Ghana toda a funcionalidade dun terminal de regasificación a gran escala, pero con maior flexibilidade, o que lle permite responder ao rápido aumento da demanda nacional de gas cunha solución enerxética máis limpa e accesible.

 

Edmund Agyeman-Duah, xerente de proxectos de TLTC, valorou: “O terminal ten como obxec- tivo satisfacer a crecente demanda de enerxía de Ghana a través dunha subministración fiable, innovadora e rendible. Unha vez que estea en funcionamento, esta FRU permitirá que a ins- talación de Tema LNG reciba, regasifique, almacene e entregue aproximadamente 1,7 millóns de toneladas de GNL ao ano, o 30% da capacidade xeral de Ghana. A subministración de gas de Tema LNG durante todo o ano permitirá á Corporación Nacional de Petróleo de Ghana ( GNPC) fornecer gas fiable e rendible no enclave industrial e enerxético de Tema, á vez que fortalecer a seguridade enerxética de África Occidental”.

 

Ogbemi Ofuya, de Helios Investment Partners, declarou: “O proxecto do terminal Tema LNG apoia as ambicións de Ghana de continuar a súa traxectoria como unha das economías de máis rápido crecemento en África, ao entregar a infraestrutura enerxética para apoiar a industrialización acelerada. Como se evidencia en economías similares de rápido crecemento en Asia e América Latina, a introdución de GNL na combinación enerxética serve como un catalizador para o crecemento industrial e económico. A subministración garantida durante todo o ano de GNL e gas canalizado a través do terminal de Tema LNG facilita a planificación anticipada e os investimentos en infraestrutura de recepción por parte de centrais eléctricas, minas e indus- trias en toda a rexión de África Occidental que actualmente dependen de combustibles líqui- dos máis custosos. O cambio ao gas tamén brinda un beneficio ambiental significativo e apoia a transición cara a combustibles de combustión máis limpa na rexión ao reducir as emisións de dióxido de carbono e eliminar as emisións de xofre, en liña cos obxectivos do Acordo Climático de París”.

 

 

Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa, destacou: “Estamos moi orgullosos de poder contribuír co noso coñecemento e experiencia a este proxecto único para o desenvolvemento de Ghana e a África subsahariana. Comprácenos colaborar con TLTC no que é o noso primeiro proxecto con base naquel continente. Seguimos crecendo en España, apostando por unha eco- nomía verde e dixital, e ao mesmo tempo reforzamos o noso proceso de internacionalización”.

 

A FRU especialmente deseñada para a ocasión, que foi construída por Jiangnan Shipbuilding, unha subsidiaria de China State Shipbuilding Corporation, saíu do estaleiro de Jiangnan a finais de novembro. Situarase dentro do porto de Tema, onde TLTC construíu infraestrutura mariña adicional que permitirá a carga e regasificación de GNL sen afectar o tráfico marítimo e portuario no golfo de Guinea. O gas natural licuado fornecerase mediante un contrato a longo prazo con Shell. As instalacións de recepción en terra recibirán o gas da FRU a través de gasodu- tos submarinos, antes de entregar gas natural a GNPC e os seus clientes.

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF