Reganosa realizará mañá pola mañá na súa terminal de Mugardos un exercicio de seguridade no que colaborará persoal pertencente ao Parque de Bombeiros de Ferrol e aos Servizos Médicos do 061. Esta actividade forma parte do programa de adestramento que se realiza na planta tanto para o persoal propio como para o externo.
Reganosa ten para a súa terminal do porto ferrolán un programa intensivo de formación para asegurar a resolución de calquera incidencia de seguridade coa maior eficiencia.
O exercicio desenvolverase en xornada diúrna e consistirá na simulación dunha fuga de produto en zona de proceso. Ante a solicitude desde a terminal de envío de persoal de apoio para intervención e atención dun traballador lesionado, CAE 112 mobilizará a efectivos do Parque de Bombeiros de Ferrol e Servizos Médicos 061 que se dirixirán á terminal.