REGANOSA, REPSOL E NATURGY COLABORAN CON IMPULSA GALICIA NA PROMOCIÓN DUN PROXECTO PARA TRANSFORMAR EXCEDENTES DE XURRO E OUTROS RESIDUOS EN BIOMETANO E FERTILIZANTES ORGÁNICOS

09/28 2022

REGANOSA, REPSOL E NATURGY COLABORAN CON IMPULSA GALICIA NA PROMOCIÓN DUN PROXECTO PARA TRANSFORMAR EXCEDENTES DE XURRO E OUTROS RESIDUOS EN BIOMETANO E FERTILIZANTES ORGÁNICOS

Nunha fase inicial, unha vez obtidas as preceptivas autorizacións administrativas, as tres enerxéticas investirán 146 millóns de euros para xerar anualmente 300 GWh de renovable con 1,2 millóns de toneladas de dexeccións gandeiras

A primeira planta de produción deste programa prevese en Meirama, con cinco centros de pretratamento asociados

A iniciativa permitiría reducir a dependencia enerxética do exterior e desenvolver a economía circular na comunidade autónoma. Na súa completa despregadura, evitaría a emisión de 500.000 toneladas anuais de CO2 equivalentes e crearíanse ata 600 postos de traballo directos e 1.900 indirectos

As compañías contribúen así a descarbonizar o transporte, a industria e a actividade agroalimentaria galega

O proxecto foi presentado a catro ministerios do Goberno central co obxectivo de encaixalo nos fondos Next Generation

 

Reganosa, Repsol e Naturgy colaboran con Impulsa Galicia para desenvolver a economía circular cun proxecto que transformaría a grande escala excedentes de dexeccións gandeiras e outros residuos en biometano, fertilizantes orgánicos e CO2 neutro de orixe biolóxica. Esta iniciativa foi concibida para optimizar a xestión de xurros na comunidade autónoma, reducir a dependencia enerxética do exterior, facilitar o cumprimento das novas normas europeas e axudar a descarbonizar a industria, os fogares e a mobilidade. Os promotores están levando a cabo actualmente labores de campo e ensaios que dan continuidade a meses de estudos e investigacións previas.

 

O proxecto consiste en despregar progresivamente polo territorio unha rede de plantas que valoricen os excedentes de xurros bovinos, porcinos e avícolas mesturados cunha cantidade menor de FORS (fracción orgánica de recollida separada) e RIO (residuos industriais orgánicos) do sector agroalimentario para a produción de enerxía renovable. Así queda recollido no memorando de entendemento que recentemente subscribiron Reganosa, Repsol e Naturgy con Impulsa, a sociedade mixta promovida pola Xunta de Galicia co obxectivo de acompañar iniciativas empresariais que incidan na dinamización, o progreso e a transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital.

 

Nunha fase inicial, as tres enerxéticas planean construír unha primeira planta de dixestión anaerobia que produza gas renovable e cinco plantas de pretratamento asociadas a esta para deshidratar o excedente de xurro bovino. A planta de xeración de gas renovable emprazaríase en Meirama, zona de transición xusta, mentres que as cinco plantas de pretratamento se repartirían, nunha primeira fase, por concellos da mesma provincia coruñesa e de Lugo, de acordo coa distribución fundamentada no mapa galego de explotacións gandeiras, optimizando así a loxística entre ambos tipos de instalacións.

 

Cun investimento aproximado de 146 millóns de euros, nesta primeira fase trataríanse anualmente 1.240.000 toneladas de xurros excedentes e produciríanse, amais de fertilizantes orgánicos e CO2 neutro, uns 300 xigawatts hora (GWh) de biometano que se inxectarían á rede de gas natural. Este gas renovable utilizaríase para descarbonizar distintos sectores, como o do transporte, o residencial e o industrial, podéndose empregar nos procesos da refinería de Repsol na Coruña.

 

Ampliación a toda Galicia

Completada esta fase inicial, a intención dos promotores é ampliar o proxecto de economía circular no futuro a toda Galicia, implantando unha rede centralizada de tratamento dos excedentes de dexeccións gandeiras. Neste sistema garantirase a dispoñibilidade para os gandeiros do xurro necesario para abonar as súas terras de xeito sostible, así como a viabilidade económica das súas explotacións. Os cálculos dos promotores determinan que se poderían valorizar arredor de 6 millóns de toneladas de residuos cada ano. Redondeando, o biometano producido (1 TWh anual) equivalería a un 7 % do gas natural de importación que agora se demanda en Galicia, co que a comunidade avanzaría substancialmente na súa autonomía enerxética e no consumo de renovables. O proxecto foi presentado a catro ministerios do Goberno central (Economía, Transición Ecolóxica, Agricultura e Industria) co obxectivo de encaixalo nos fondos Next Generation, tanto pola súa compoñente de circularidade como polo feito de que proporciona unha fonte de enerxía verde e autóctona a partir dos excedentes das dexeccións gandeiras.

 

Deste xeito, no proxecto global evitaríase tamén a emisión á atmosfera dunhas 500.000 toneladas anuais de CO2 e crearíase emprego de calidade no marco da transición ecolóxica e nos lugares pouco poboados. En suma, algo máis de 600 postos de traballo directos e 1.900 indirectos, considerando tanto a explotación das plantas como a loxística de transporte.

 

A execución desta iniciativa contribuiría ao cumprimento da nova lexislación medioambiental europea sobre protección do solo agrícola e control de efluentes, así como de nutrición sostible de solo agrario, e daría solución a cuestións recorrentes na xestión e almacenamento de xurros.

 

Innovador polo seu concepto de integración global fronte á dispersión, este proxecto exemplifica ao mesmo tempo o novo modelo de cooperación público-privada e entre compañías do mesmo sector, estando aberto á participación doutras empresas.

 

“As partes implicadas neste proxecto traballamos dunha maneira moi intensa para achegar unha solución técnica solvente; agora precisamos que se cree o marco regulamentario que permita desenvolver e implementar os avances”, valorou o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas, quen reclama políticas que incentiven “dun xeito claro” a produción de biogás en España.

 

A directora de Combustibles Renovables de Repsol, Berta Cabello, pola súa banda, indicou que “con este proxecto, estratéxico para Repsol, impulsamos a redución de emisións de efecto invernadoiro do transporte e a industria, incrementamos a autonomía enerxética empregando gases renovables obtidos con recursos locais e fomentamos ao mesmo tempo a economía circular e a sustentabilidade dun sector tan importante no noso país como é o gandeiro”.

 

O director xeral de Renovables, Novos Negocios e Innovación de Naturgy, Jorge Barredo, destacou que “este proxecto de produción de biometano permitirá impulsar a transición enerxética en Galicia e potenciar unha xestión sostible dos residuos, dando un paso adiante cara a economía circular e o desenvolvemento socioeconómico local, ademais de contribuír a reducir a dependencia enerxética do exterior”.

 

“Este -afirmou a directora xeral de Impulsa, Enyd López- é un proxecto moi relevante para Galicia. Na súa ideación e apoio, a Xunta adiantouse por partida dobre: por unha banda, favorecendo unha áxil descarbonizacion da economía e, pola outra, facilitando aos gandeiros o cumprimento da normativa que vai vir marcada por Europa”. E engadiu: “Ademais de fomentar a economía circular illadamente, esta iniciativa contribuirá a xerar un ecosistema de proxectos sólidos dentro do Polo para a Transformación de Galicia”.

 

Sobre Reganosa

Reganosa é a primeira multinacional galega de enerxía. De acordo cos principios de seguridade, eficiencia e flexibilidade, desenvolve unha actividade clave na transformación do modelo enerxético e na mitigación dos efectos do cambio climático. Opera activos básicos para a seguridade do subministro en Europa e África, é líder mundial na xestión de terminais de gas natural licuado de terceiros (Ghana, Malta e Italia) e posúe a súa propia en Mugardos, de onde parte tamén a súa rede de gasodutos. Está certificada como xestor da rede de transporte e no último cuadrienio triplicou o seu cadro de persoal e prestou servizos de diverso tipo en 21 países de catro continentes. Actualmente, ademais deste de economía circular, desenvolve proxectos de renovables, hidróxeno verde, almacenamento enerxético e dixitalización.

 

Sobre Repsol

Repsol é unha compañía global de multienerxía, que lidera a transición enerxética e que se marcou o obxectivo de ser cero emisións netas no ano 2050. Está presente en toda a cadea de valor da enerxía, emprega a 24.000 persoas, distribúe os seus produtos en máis de 90 países e conta con 24 millóns de clientes. Pode satisfacer calquera necesidade enerxética e de mobilidade dos consumidores, cunha oferta centrada no cliente. Está á cabeza do desenvolvemento de solucións sostibles para a mobilidade, con combustibles cada vez máis eficientes, recarga eléctrica, biocombustibles, AutoGas ou gas natural vehicular. Ademais, é un actor relevante do mercado de luz e gas, con 1,43 millóns de clientes e unha capacidade instalada de xeración de baixas emisións de máis de 3.800 MW.

Para acadar as cero emisións netas en 2050, Repsol aposta por un modelo que integra todas as tecnoloxías para a descarbonización, baseado na mellora da eficiencia, o aumento da súa capacidade de xeración de electricidade renovable, a produción de combustibles baixos en carbono, o desenvolvemento de novas solucións para os clientes, a economía circular e o impulso de proxectos punteiros para reducir a pegada de carbono da industria.

 

Sobre Naturgy

Naturgy é un grupo enerxético multinacional, presente no negocio da electricidade e o gas, que opera na xeración, distribución e comercialización de enerxía e servizos, con 9.300 empregados en todo o mundo. Presente en máis de 20 países, con máis de 15,3 GW de capacidade instalada, Naturgy subministra gas e electricidade a 16 millóns de clientes e aposta polo desenvolvemento do gas renovable a escala comercial. Neste senso, ten experiencia adquirida en proxectos postos en marcha nos últimos anos como o situado na estación depuradora de augas residuais de Bens, na Coruña, cofinanciado pola Xunta a través dos fondos FEDER, para producir biometano procedente de augas residuais con fins de mobilidade; a planta Elena, en Cerdanyola del Vallès (Barcelona), que foi a primeira en inxectar gas renovable procedente dun vertedoiro, e a planta de Vila-sana (Lleida), unha instalación experimental financiada con fondos europeos e que actualmente se está adaptando para a súa explotación comercial.

 

Sobre Impulsa Galicia

Creada en abril de 2021 pola Xunta de Galicia (40 %), Abanca (38 %), Reganosa (12 %) e Sogama (10 %), Impulsa Galicia ten encomendado o desenvolvemento de iniciativas empresariais tractoras que incidan na dinamización, progreso e transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital. Naceu co obxectivo de incentivar a actividade produtiva da comunidade autónoma a partir da captación de investimentos, a incorporación de socios e a colaboración entre institucións públicas e privadas para a posterior posta en marcha e consolidación de propostas empresariais.