RWE ESCOLLE A REGANOSA PARA OPERAR E MANTER UNHA NOVA TERMINAL DE GNL EN ALEMAÑA

01/20 2023

RWE ESCOLLE A REGANOSA PARA OPERAR E MANTER UNHA NOVA TERMINAL DE GNL EN ALEMAÑA

 

A multinacional galega será peza clave no plan do Goberno xermano para incrementar a autonomía enerxética do país

A compañía española contribúe así a reforzar a seguridade do subministro en Europa e consolida o seu liderado mundial na xestión de regasificadoras propiedade de terceiros

 

Reganosa será peza clave no plan do Goberno de Alemaña para implementar unha alternativa rápida e fiable ao consumo de gas ruso. RWE, segunda maior enerxética de aquel país, escolleu á multinacional española para poñer en marcha e operar unha nova terminal de regasificación en Brünsbuttel, na desembocadura do río Elba. Deste xeito, a compañía contribuirá a reforzar a seguridade do subministro en Europa e verá consolidado o seu liderado mundial na xestión de plantas de GNL propiedade de terceiros.

 

RWE está habilitando en Brünsbuttel unha regasificadora flotante (FSRU) que permitirá a Alemaña diversificar por mar a súa actual cesta de abastecemento enerxético. Da navieira Höegh, esta unidade dispón de capacidades para almacenar a bordo ata 170.000 metros cúbicos de GNL e emitir á rede anualmente 5 bcm (miles de millones de metros cúbicos) de gas natural. A súa posta en marcha requiriu obras de adaptación nun peirao xa existente e a construción dun ramal de 3 quilómetros de conexión coa rede de alta presión de gasoductos de Alemaña. Espérase que entre en funcionamento nas próximas semanas.

 

Como resultado dun proceso de avaliación de operadores europeos, RWE confiou a Reganosa a supervisión dos traballos previos á entrada en servizo das instalacións. Tamén a escolleu para operar e manter a planta durante os próximos anos.

 

O despregamento sobre o terreo de persoal da compañía empezou no cuarto trimestre de 2022. Na fase previa á posta en marcha da terminal, entre outras tarefas, Reganosa levou a cabo labores de consultoría técnica, elaborando manuais, plans e procedementos de operación, supervisando e orientando obras, e preparando contratacións, así como asesorando sobre a obtención de permisos e autorizacións.

 

Emilio Bruquetas, director xeneral de Reganosa, destacou: “Estamos moi orgullosos de poder contribuír co noso coñecemento e experiencia a este proxecto que require de nós ser moi áxiles á par que fiables. Comprácenos colaborar con RWE e o resto dos socios neste desafío que supón incrementar a autonomía enerxética de Alemaña”. “Estamos acostumados a traballar en ecosistemas colaborativos; a cooperación é clave para dotar a Europa de seguridade de subministro, sobre todo no convulso escenario actual”, apostilou.

 

Este proxecto apuntala o proceso de expansión internacional do grupo Reganosa, iniciado en 2015 coa constitución de Reganosa Servicios para aportar o coñecemento e experiencia do grupo en estudos, deseños de proxectos, consultoría, enxeñería e xestión de activos.

 

Nos últimos anos, a compañía operou en 22 países de catro continentes. Coa súa intervención neses territorios, cubriu todas as fases de desenvolvemento dun proxecto, desde o estudo de viabilidade ata a operación comercial.

 

En virtude dese proceso de crecemento sostido e constante adaptación, Reganosa practicamente triplicou o seu cadro de persoal no último lustro. A compañía, así mesmo, consolidouse como referente mundial en el O&M de infraestruturas enerxéticas de terceiros.

 

Ademais da súa propia en Mugardos (A Coruña), o grupo é adxudicatario da xestión de tres tipos de terminais de GNL: totalmente a flote, as de Alemaña e Tema (Ghana); completamente en terra, a de Oristano (Italia); e mixta, a de Delimara (Malta). Son instalacións, ademais, con un amplo rango de almacenamento: desde os 9.000 ata os 300.000 metros cúbicos.

 

Ao mesmo tempo, Reganosa continúa diversificando o seu negocio, apostando por unha nova e sostible economía descarbonizada. Actualmente, desenvolve proxectos e presta servizos nos ámbitos da eficiencia, a dixitalización, a circularidade, o hidróxeno verde, a xeración con renovables e o almacenamento enerxético.