A TERMINAL DE GNL DE MUGARDOS PREPÁRASE PARA RECIBIR O MAIOR BARCO DA SÚA HISTORIA

04/21 2017

A TERMINAL DE GNL DE MUGARDOS PREPÁRASE PARA RECIBIR O MAIOR BARCO DA SÚA HISTORIA

  • O“Al Utouriya” converterase a próxima semana no primeiro buque do tipo Q-Flex en arribar ao porto de Ferrol

A terminal de gas natural licuado de Mugardos prepárase para recibir o maior barco de GNL da súa historia, fito que poñerá de manifesto  a súa capacidade para captar toda clase de metaneiros. Salvo cambio nos plans de navegación, ás instalacións de Reganosa arribará o vindeiro martes o Al Utouriya. Este último converterase así no primeiro buque do tipo Q-Flex (de 210.000 a 217.000 metros cúbicos de capacidade de carga) en recalar no porto de Ferrol.

O Al Utouriya arribará a Mugardos procedente do punto de exportación de gas para o que foron concibidas as unidades Q-Flex: Ras Laffan, en Catar. Polo seu tamaño e eficiencia, trátase duns buques que favorecen a economía de escala, á par que incrementan a seguridade na navegación. Non poden atracar en calquera destino, senón só naqueles que previamente superen as exhaustivas auditorías de compatibilidade ás que somete a industria catarí a calquera terminal aspirante. É o caso da de Mugardos, que superou con éxito todos os estudos.

O barco recalou xa en varios dos principais portos europeos. Por exemplo, forneceu GNL en Barcelona en maio do 2012 e máis recentemente, no 2016, fixo o propio en Sines (Portugal). Tamén operou, entre outras, nas terminais de Nantes (Francia) e Bruxas (Bélxica).

Terminado de construír en 2008 por Hyundai Heavy Industries, o Al Utouriya conta cunha eslora (lonxitude) de 315 metros e unha manga (anchura) de 50. Dotado da máis avanzada tecnoloxía, como o resto dos da súa clase, o buque ten unhas necesidades enerxéticas e unhas emisións de carbono un 40 % inferiores ás dos metaneiros convencionais. En comparación con estes últimos, ademais, pode transportar ata un 50 % máis de GNL, segundo datos difundidos pola industria catarí.

A chegada deste gran buque poñerá de manifesto a versatilidade da terminal ferrolá, capaz de recibir tanto metaneiros de alta capacidade como unidades destinadas ao tráfico a pequena escala (small scale), como o Coral Energy, cuxa carga máxima é de só 15.000 metros cúbicos. Este último gaseiro, que se emprega habitualmente para abastecer a pequenas plantas satélite portuarias, visitou Ferrol en 2013. Reganosa participa como socio no proxecto europeo Core LNGas Hive, ao amparo do cal a terminal de Mugardos poderá contar cun novo equipo de brazos de carga para barcos de pequeno porte, e supoñerá un avance na consolidación dun gran hub de GNL no noroeste ibérico.

Este Q-Flex fará o buque número 282 na lista dos chegados ás instalacións de Reganosa desde a súa posta en marcha, en 2007. "Aínda que xa recibimos centos de barcos, este é especial en certo sentido. Supón un fito, demostra a capacidade da compañía para afrontar novos retos constantemente, para adaptarse a calquera escenario, e pon de manifesto a confianza dos nosos clientes no noso persoal e nas nosas instalacións", asegura o director xeral da empresa, Emilio Bruquetas.

Tamén a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao recoñece a importancia da inminente chegada do Al Utouriya á ría. O seu presidente, José Manuel Vilariño, subliña: "Poñemos a Ferrol nun novo mapa, nesta ocasión, no dos buques da clase Q-Flex. Traballamos para facer deste porto un centro loxístico do GNL de importancia mundial".

 

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF