Mugardos acolle mañá a celebración de dúas probas da Liga Galega de Traiñeiras

07/28 2023

Mugardos acolle mañá a celebración de dúas probas da Liga Galega de Traiñeiras

Un total de 13 equipos tomarán parte mañá pola tarde na quinta edición da Bandeira Feminina Reganosa e na sétima da Bandeira Concello de Mugardos, probas, respectivamente, da Liga Feminina e da Liga B da Liga Galega de Traiñeiras. Ambas organizadas polo Club do Mar de Mugardos, a primeira patrocínaa Reganosa e a segunda, o Concello de Mugardos.

Os afeccionados poderán seguir as competicións desde o porto mugardés. As quendas da proba masculina arrincarán ás 17.30 e ás 18.00, mentres que as da feminina terán lugar desde as 18.30 e a partir das 19.00 horas.

A Bandeira Concello de Mugardos enfrontará ás tripulacións de Muros-Esteirana, Mugardos-A Cabana-Ferrol, Amegrove, Chapela-Wofco, Riveira e Salgado-Perillo. Namentres, pola Bandeira Feminina Reganosa mediranse Chapela-Wofco, Mugardos-A Cabana-Ferrol, Rianxo, Cesantes-Cefycal, Salgado-Perillo, Puebla e Castropol. Os anfitrións ocupan agora mesmo o segundo posto tanto na clasificación xeral da Liga B como na da Liga Feminina.

A presentación desta dobre cita deportiva reuniu hoxe na casa do concello ao alcalde da localidade, Juan Domingo de Deus; ao presidente e á representante das remeiras do Club do Mar, Eliseo Reborido e Mercedes Pereira; e á responsable da terminal de gas natural licuado de Mugardos, Nuria Rivas.

O rexedor destacou: “Un ano máis, desde o Concello de Mugardos, estamos orgullosos do noso deporte, e dos nosos remeiros e remeiras. Coidar o deporte base, cultivar as nosas tradicións e fomentar o deporte son asuntos de especial relevancia para conseguir un Mugardos máis social, máis integrador e máis saudable”.

 

Unha tarde de remo nun marco incomparable

Eliseo Reborido e Mercedes Pereira, pola súa banda, agradeceron outra tempada máis o apoio e interese mostrado por parte de Reganosa e o resto de patrocinadores. Grazas a todos eles e á súa aposta polo fomento do deporte, o Club do Mar de Mugardos dá continuidade así ao seu proxecto deportivo con tres piares fundamentais: práctica de hábitos de vida saudables, igualdade de oportunidades para todas e todos os deportistas e, por suposto, a conservación e coidado da contorna mariña. “Desexamos -engadiron- a todas e todos os espectadores, veciños e amigos, que gocen dunha tarde de remo e do incomparable marco do pobo de Mugardos”.

“Como empresa comprometida co deporte e coa nosa contorna, é para nós unha honra poder cooperar na celebración destas regatas”, subliñou Nuria Rivas, quen tamén puxo en valor a consolidación desta dobre cita no calendario galego de grandes competicións de traiñeiras. 

 

Vídeo da presentación da quinta edición da Bandeira Feminina Reganosa