A PRIMEIRA GRAN PLANTA DE HIDRÓXENO VERDE DE GALICIA OBTÉN A DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL FAVORABLE

10/26 2023

A PRIMEIRA GRAN PLANTA DE HIDRÓXENO VERDE DE GALICIA OBTÉN A DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL FAVORABLE

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia outorgou a declaración de impacto ambiental (DIA) favorable á primeira gran planta de hidróxeno verde da comunidade autónoma. Avanza así un novo paso na súa tramitación un terminal que foi ideado para producir mediante electrólise utilizando a auga do lago das Pontes (A Coruña) e fontes de enerxía limpa. Promóvea a sociedade H2Pole, do Grupo Reganosa.

Antes de emitir esta DIA, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático solicitou a opinión de 16 administracións, organismos e colectivos, así como analizou varias alegacións. O proxecto supervisado, cuxo percorrido administrativo arrincou en xuño de 2022, abarca non só a planta, senón tamén instalacións asociadas a aquela: 7,2 quilómetros de hidroxenoductos e 4,9 de liñas subterráneas de alta tensión. Os primeiros servirán para vehicular a maior parte da produción e as segundas para levar ao terminal a electricidade necesaria no seu proceso.

O complexo levantarase sobre terreos cuxa cesión H2Pole ten preacordado co Concello das Pontes. A parcela sitúase a tres quilómetros do centro urbano da vila, ao bordo do maior lago artificial de España, en chan parcialmente ocupado por edificios industriais en estado de abandono. Tanto para a fase de execución como para a de operación, a DIA inclúe unha serie de medidas preventivas, algunhas específicas e a maioría comúns a este tipo de obras, que serán incorporadas polo promotor.

O terminal foi pensado para a súa acometida en fases acumulativas de 20, 30 e 50 megawatts de potencia, para, finalizado o seu desenvolvemento, alcanzar un global de 100 MW. No seu completo despregamento, a capacidade produtiva anual chegará ás 16.000 toneladas de hidróxeno verde para distribución á industria local, para inxección á rede troncal de gas ou ben para transporte por cisterna. Espérase que cada ano evite a emisión á atmosfera de entre 107.770 e 142.272 toneladas equivalentes de dióxido de carbono, en función do seu uso.

Más de 30.000 horas de desenvolvemento
O 8 de setembro do 2022, o Consello da Xunta declarou esta planta primeiro proxecto industrial estratéxico (PIE) de Galicia, cun investimento global estimado de 156 millóns de euros e un calendario que sitúa o inicio de operación no primeiro semestre de 2026. Desde que Reganosa comezou a traballar na iniciativa, en 2019, a súa ideación acumula xa máis de 30.000 horas de desenvolvemento nas que se viron involucradas, con distintas intensidades, 95 empresas e organismos.

Está previsto que a operación e mantemento da planta xere, no seu completo despregamento, 49 empregos directos e outros 59 indirectos, ademais dos inducidos e os de todo tipo sostidos na fase de construción. Na contratación de provedores e empregados priorizaranse os do lugar e, particularmente, aqueles afectados polo cesamento de actividade na térmica de carbón.

O proxecto contribuirá á descarbonización da economía, reforzará a seguridade da subministración e incrementará a soberanía enerxética de Galicia. Non en balde, alíñase cos obxectivos que perseguen o EU Green Deal, o programa Next Generation e o REPowerEU; Plan Nacional de Enerxía e Clima, a Estratexia Española de Transición Xusta, e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR); e o Pacto de Estado por Ferrol, a Lei de Simplificación Administrativa e de Apoio á Reactivación Económica de Galicia, a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, e a Axenda Enerxética de Galicia 2030. Conta cunha subvención concedida de 15 millóns de euros do programa de incentivos a proxectos pioneiros e singulares de hidróxeno renovable do PRTR.

A planta forma parte dunha actuación maior e integral que Reganosa, xunto con EDPR, impulsa co ánimo de converter Ferrolterra nunha capital da enerxía verde. Esta iniciativa inclúe tamén un almacenamento enerxético con bombeo e plans para a xeración con renovables.

Sobre Reganosa
Propietaria e operadora do terminal de gas natural licuado de Galicia, en Mugardos (A Coruña), Reganosa é a primeira multinacional galega da enerxía. De acordo cos principios de seguridade, eficiencia e flexibilidade, desenvolve unha actividade chave na transformación do modelo enerxético e na mitigación dos efectos do cambio climático. A compañía intégrase nun grupo que opera activos básicos para a seguridade da subministración en Europa e África, é referente mundial na xestión de terminais enerxéticos, e posúe un 25 % do Musel E-Hub, en Asturias. Nos últimos anos prestou servizos en 24 países de 4 continentes. Ademais, promove proxectos de almacenamento enerxético, eficiencia, renovables, economía circular, dixitalización e hidróxeno verde.