REGANOSA CUMPRE 25 ANOS CONTRIBUÍNDO AO DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE DE GALICIA

04/10 2024

REGANOSA CUMPRE 25 ANOS CONTRIBUÍNDO AO DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE DE GALICIA

A enerxética global galega conmemora na feira Enerxétika 2024 o seu primeiro cuarto de século, durante o cal favoreceu a entrada competitiva na comunidade autónoma de enerxía equivalente ao consumo eléctrico anual de 85 millóns de fogares

 

Favoreceu a entrada en Galicia, en condicións competitivas, de 350 teravatios hora de enerxía, o equivalente ás necesidades eléctricas anuais de 85 millóns de fogares. Achegou 23 millóns de toneladas aos balances de movemento de mercadorías da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Contribuíu con 118 millóns de euros en impostos e taxas. Posibilitou o despregamento das renovables e garantiu a seguridade da subministración enerxética, así como o funcionamento dos ciclos combinados da comunidade autónoma. Colaborou coas universidades galegas na procura de ferramentas e outras solucións dixitais. Xerou sinerxias cos estaleiros públicos. Operou 484 buques e cargou 70.407 camións cisterna. Á vez que facilitaba a vida ás familias, reforzou a competitividade de grandes industrias onde traballan máis de 15.000 persoas.

Todo iso fixo ata o de agora, entre outras cuestións, Reganosa, de cuxa constitución acaban de cumprirse 25 anos. A enerxética global galega conmemorará estes días na feira Enerxética 2024 (Silleda, Pontevedra) ese primeiro cuarto de século contribuíndo ao desenvolvemento sostible de Galicia. No seu espazo na devandita mostra, presidido por un gran corpóreo do número 25 acompañado da silueta do mapa da comunidade, os visitantes poderán participar nun concurso de coñecementos sobre o sector e visualizar un vídeo que resume en tres minutos a traxectoria da empresa.

Esa produción audiovisual repasa algúns dos momentos máis relevantes na historia de Reganosa: 1999, cando se fundou, impulsada por Roberto Tojeiro Díaz co apoio da Xunta de Galicia; 2001, cando se incorporaron os primeiros socios ao proxecto; 2007, cando entrou en funcionamento o terminal de gas natural licuado (GNL) de Mugardos; 2015, cando se constituíu a filial que propiciaría a internacionalización do grupo...

Ademais, en virtude da súa apertura ao mundo, a compañía logrou descansar sobre o mercado exterior unha cuarta parte dos seus ingresos e erixiuse en referente internacional da xestión de infraestruturas enerxéticas. Namentres, froito da súa diversificación, hoxe promove proxectos clave para a transición en Galicia cara a un modelo sostible desde os puntos de vista económico, social e ambiental. Consecuentemente, no último decenio o seu persoal viuse triplicado, ata rozar na actualidade os 200 profesionais.

“A de Reganosa ten sido unha historia de superación e transformación constante. É moita a bagaxe acumulada neste cuarto de século, pero o certo é que a seguimos aumentando no presente e xa estamos a mirar cara adiante, traballando no balance que poderemos facer ao finalizar os 25 anos seguintes. Ao mesmo tempo que afianzamos o noso crecemento nacional e internacional, sen dúbida queremos como galegos seguir contribuíndo ao desenvolvemento sostible de Galicia, acompañando aos fogares e ás empresas no camiño cara a unha economía competitiva, verde, dixital e inclusiva”, sinala o director xeral da compañía, Rodrigo Díaz.