REGANOSA REORGANÍZASE PARA AFIANZAR O SEU CRECEMENTO E IMPULSAR OS PROXECTOS DE TRANSICIÓN ECOLÓXICA

11/08 2023

REGANOSA REORGANÍZASE PARA AFIANZAR O SEU CRECEMENTO E IMPULSAR OS PROXECTOS DE TRANSICIÓN ECOLÓXICA

Roberto Tojeiro asume a presidencia da compañía e Rodrigo Díaz ascende á dirección xeral

 

A matriz do grupo toma o control completo das principais sociedades baixo o seu paraugas, nunha operación que reforza a súa galeguidade, reflicte o compromiso dos accionistas co futuro e achega maior flexibilidade de actuación

 

Co dobre obxectivo de afianzar o seu crecemento sostido e impulsar os proxectos de transición ecolóxica que ten en carteira, Reganosa acaba de pechar unha operación corporativa de reorganización. Por unha banda, a matriz do grupo enerxético (Reganosa Holdco) toma o control completo sobre as principais sociedades baixo o seu paraugas, ao adquirir a porcentaxe de Regasificadora do Noroeste S. A. que aínda non lle pertencía: un 15 % que era propiedade da xaponesa Sojitz. Chega así a alcanzar a propiedade do 100 % do capital, como xa o facía en Reganosa Servicios e en Reganosa Asset Investments. Por outra banda, Roberto Tojeiro Rodríguez e Rodrigo Díaz Ibarra asumen a dirección da compañía, en substitución dos ata a data presidente e director xeral, Carlos Collantes e Emilio Bruquetas, respectivamente.

Esta operación reforza a galeguidade de Reganosa, reflicte o compromiso dos seus accionistas co futuro do grupo e achégalle maior capacidade de actuación. O accionariado deste intégrano a Xunta de Galicia (28,60 %), o Grupo Gadisa (59,64 %) e Sonatrach (11,76 %). A galeguidade da corporación alcanza agora a súa cota histórica máis elevada mercé a que a Xunta e o Grupo Gadisa, co seu esforzo e actuación conxunta, realizaron sucesivas adquisicións de participacións a outros socios: en 2010 a Endesa (21 %) e ao Banco Pastor (5 %), en 2016 a Gas Natural (21 %) e en 2023 a Sojitz (15 %).

A última das devanditas adquisicións prodúcese despois de que Reganosa culminase recentemente a compra a Enagás dunha cuarta parte da planta de gas de Gijón e a venda da súa rede troncal de gasodutos. O primeiro de ambos movementos xera vantaxes de coordinación entre as terminais de GNL de Galicia e Asturias, mellorando así a eficiencia de ambas e a súa achega á seguridade da subministración. Á súa vez, a venda da rede de transporte permitirá á multinacional galega producir e comercializar enerxía e combustibles renovables, ao non atoparse xa afectada pola norma de segregación de actividades. Todo isto culmina unha etapa que favorece iniciar a seguinte.  

Reganosa Holdco tamén é propietaria do 100 % de Reganosa Servicios -da cal á súa vez penden Reganosa Malta, Reganosa Ghana, Reganosa Italia e Reganosa Deutschland- e o 100 % de Reganosa Asset Investments, propietaria, entre outras, de H2Pole. Igualmente, conta cun 25 % da sociedade Musel Energy Hub.

Roberto Tojeiro e Rodrigo Díaz continuarán o proxecto de crecemento e diversificación do grupo. As súas capacidades, xunto coas do equipo de profesionais e o apoio dos accionistas da compañía, resultarán fundamentais para que esta se consolide como referente mundial en xestión de infraestruturas enerxéticas, á vez que materializa os seus proxectos de transición para contribuír á consecución dunha economía verde, inclusiva e dixital. Non en balde, o grupo promove iniciativas clave para a seguridade da subministración, a competitividade e sustentabilidade da industria, o incremento da soberanía enerxética e a descarbonización da economía.

Entre eses programas sobresae a construción da primeira gran planta de hidróxeno renovable de Galicia, nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña). Declarada oficialmente primeiro proxecto industrial estratéxico da comunidade autónoma, dita infraestrutura forma parte dunha actuación maior e integral que Reganosa, xunto con EDPR, ideou co ánimo de converter Ferrolterra nunha capital da enerxía verde, unha iniciativa que inclúe tamén un almacenamento enerxético con bombeo e plans para a xeración con renovables.

Así mesmo, a compañía comparte con Repsol e Naturgy plans de circularidade que pasan por tecer unha rede galega de plantas de produción de biometano e fertilizantes orgánicos a partir de excedentes de xurros e outros residuos. Con eses mesmos socios está a tramitar en Meirama -como As Pontes zona de transición xusta- unha terminal de xeración de hidróxeno limpo de ata 200 megawatts de potencia.

 

Vinculado ao proxecto desde o inicio

Esas iniciativas continuarán avanzando agora baixo unha nova dirección corporativa. Por unha banda, Roberto Tojeiro asume a presidencia dunha compañía cuxo funcionamento en nada lle é alleo, pois xa formaba parte do seu consello de administración e da súa comisión executiva, e leva vinculado ao proxecto desde o seu inicio, hai máis de 25 anos, acompañando ao seu pai, promotor fundamental da creación e posta en marcha da compañía. De feito, cando o Executivo de Galicia lle concedeu en 2011 a Medalla Castelao, subliñou del: “Foi un dos principais impulsores dun proxecto clave para a economía galega como é Reganosa”. Nacido nas Pontes en 1961, licenciouse en Ciencias Económicas e Empresariais por ICADE, é presidente e conselleiro delegado do Grupo Gadisa -no que á súa vez está integrado o Grupo Reganosa-, e forma parte dos órganos de goberno de firmas punteiras en diversos sectores: transporte, forestal, agroalimentario, servizos, distribución alimentaria, enerxético, químico, biotecnolóxico...

Fará equipo con Rodrigo Díaz (A Coruña, 1978), enxeñeiro industrial e máster en Administración e Dirección de Empresas. Tamén coñece Reganosa á perfección, pola súa longa experiencia en diversas funcións desde a súa incorporación ao grupo en 2012. En xullo de 2014 foi nomeado director de Desenvolvemento, cargo que ocupou ata decembro de 2022, cando engadiu ás súas competencias as de Operacións. Participa tamén nos consellos das catro filiais internacionais do holding e no de Musel Energy Hub.

Roberto Tojeiro e Rodrigo Díaz relevan ao ata o de agora presidente, Carlos Collantes, e director xeral, Emilio Bruquetas. O primeiro xubílase, tras unha importante etapa presidindo a compañía, mentres que o segundo emprende novos retos profesionais. Carlos Collantes (A Coruña, 1954) accedera ao cargo en xuño de 2019 e Emilio Bruquetas (Santiago, 1974) fixera o propio en marzo de 2012, despois de 11 anos como director de Administración e Control, entre outros cargos. A súa achega foi fundamental para avanzar na internacionalización, o crecemento, a expansión do negocio e o posicionamento da compañía no sector.

 

Sobre Reganosa

Propietaria e operadora da terminal de gas natural licuado de Galicia, en Mugardos (A Coruña), Reganosa é a primeira multinacional galega da enerxía. De acordo cos principios de seguridade, eficiencia e flexibilidade, desenvolve unha actividade clave na transformación do modelo enerxético e na mitigación dos efectos do cambio climático. A compañía intégrase nun grupo que opera activos básicos para a seguridade da subministración en Europa, Asia e África, é referente mundial na xestión de infraestruturas enerxéticas, e posúe un 25 % do Musel E-Hub, en Asturias. Nos últimos anos prestou servizos en 24 países de 4 continentes. Ademais, promove proxectos de almacenamento enerxético, eficiencia, renovables, economía circular, dixitalización e hidróxeno verde.