A TERMINAL DE REGANOSA NO PORTO DE FERROL RECIBE O PRIMEIRO CARGAMENTO DE GNL QUE CHEGA A ESPAÑA PROCEDENTE DE CORPUS CHRISTI, EN TEXAS

06/04 2019

A TERMINAL DE REGANOSA NO PORTO DE FERROL RECIBE O PRIMEIRO CARGAMENTO DE GNL QUE CHEGA A ESPAÑA PROCEDENTE DE CORPUS CHRISTI, EN TEXAS

A terminal de Reganosa no porto de Ferrol recibiu hoxe o primeiro cargamento de gas natural licuado (GNL) que chega a España procedente da planta de licuefacción de Corpus Christi, en Texas, instalación que entrou en operación o pasado decembro. O cargamento, que viña a bordo do buque belga Excalibur, pon de manifesto a idoneidade de Ferrol para captar a crecente exportación deste combustible desde Estados Unidos.

A instalación de licuefacción de Corpus Christi -a terceira gran planta promovida recentemente en Estados Unidos- entrou en servizo o pasado decembro, e consta de tres unidades de produción de GNL a gran escala e infraestrutura de apoio, con sete trens máis pequenos. Tamén conta con tres tanques de almacenamento e dous amarres. A construción destas infraestruturas requiriu un investimento de 15.000 millóns de dólares. Unha vez en operación plena, a compañía propietaria do activo, Cheniere, estima unha produción nominal de 23 millóns de toneladas por ano.

O gaseiro que transportou o primeiro cargamento de Corpus Christi que se recibe en España é o Excalibur, un buque belga de 277 metros de eslora e 43,4 de manga. Construído no ano 2002, ten un peso morto de 77.822 toneladas, e a súa capacidade ascende a 144.000 metros cúbicos. A carga é propiedade de Trafigura.

A terminal de Reganosa no porto ferrolán xa foi pioneira ao recibir en xullo de 2016 a primeira importación española e a segunda europea de GNL norteamericano, procedente de Sabine Pass (Luisiana). Entón, o gaseiro foi o Sestao Knutsen.

A nova ruta entre España e Estados Unidos pon de manifesto a vocación atlántica e enerxética do porto de Ferrol e o cambio operado no sector da enerxía trala posta en explotación das grandes reservas de gas natural norteamericanas. Ferrol está chamado a xogar un papel moi destacado no crecente fluxo de gas natural licuado (GNL) que chegará a Europa desde Norteamérica.

Cheniere estima que Estados Unidos converterase no terceiro maior provedor mundial de GNL en 2020, cunha capacidade de produción de 60 millóns de toneladas anuais. España será un dos principais receptores do combustible norteamericano debido aos seus infraestruturas gasistas e aos contratos a longo prazo asinados polas principais compañías enerxéticas españolas. A orientación atlántica de Ferrol fai da terminal de Reganosa o lugar idóneo para recibir ese fluxo.

 

Nota de prensa en Word

Nota de prensa en PDF